Saturday 16 de November de 2024

A VI edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo tivo coma escenario o Centro Náutico do Freixo


A mañá da cuarta xornada da . Alí celebrouse ás 10:00 unha das actividades que inauguramos esta edición: o coloquio “Crónicas do Mar”. Cos libros, o cinema e o mar coma eixo central, este encontro abordou a relación dos humanos cos mamíferos mariños no litoral galego. A actividade comezou cun coloquio, no que participaron Marcos Gallego (director da Mostra), Francisco Xosé Fernández Naval “Chisco” (escritor e guionista), Xosé Iglesias (mariñeiro, artista e poeta), Níels Einarsson (antropólogo) e Paula Castiñeira Iglesias (xornalista e cineasta). Os convidados fixeron un percorrido polos aspectos máis salientables da relación dos pobos costeiros cos grandes cetáceos, abordando temas coma a última baleeira en funcionamento en Galicia ou os recentes comportamentos estraños de candorcas próximas ás costas galegas. Ao remate do coloquio os asistentes puideron desfrutar da proxección de “Caneliñas, a costa das baleas”, de Paula Castiñeira & María González (España, Galicia, 2021), obra que narra a importancia que tivo a factoría baleeira de Caneliñas (Cee) na Costa da Morte durante moitos anos.

Xa pola tarde, nas instalacións da Casa da Cultura de Outes, leváronse a cabo o resto de actividades programadas para esta cuarta xornada. Proxectáronse as últimas seis obras participantes na Competición Oficial, divididas novamente en dous bloques. O primeiro bloque comezou con “Shirampari: Herencias del Río”, de Lucía Flórez (España/Perú/Estados Unidos, 2022), obra que retrata como nun dos lugares máis remotos da Amazonía peruana, un neno ashéninka debe superar os seus medos e atrapara un bagre xigante para emprender a súa viaxe á idade adulta. A continuación proxectouse “Daughter of the Sea”, de Nicole Gormley & Nancy Kwon (Estados Unidos/Corea do Sur, 2023), no que a protagonista decide volver á illa de Jeju para unirse ás haenyeo, as famosas “mulleres do mar”, seguindo os pasos da súa nai e da súa avoa. O primeiro bloque de proxeccións rematou con “Haulout”, de Evgenia Arbugaeva & Maxim Arbugaev (Reino Unido/Rusia, 2022), onde se reflexa como o aumento de temperaturas provoca un cambio inesperado nunha antiga reunión na remota costa do Ártico Siberiano. O segundo bloque comezou cunha obra que denuncia o limbo legal no que se atopan centos de pescadores e mariscadores no esteiro do río Guadalquivir, “Riacheros”, de José Antonio Ortiz Sabido (España, Andalucía, 2022). A continuación proxectouse “Aralkum”, de Daniel Asadi Faezi & Mila Zhultktenko (Alemaña/Uzbekistán, 2022), un filme que reimaxina o desecado Mar de Aral, permitindo a un vello pescador navegar por última vez. A Competición Oficial pechouse cun documental que trata da devoción, o amor e unha vida difícil nun pobo illado, a través da vida dun matrimonio de pescadores: “Happy Life”, de Galina Leontieva (Alemaña/Rusia, 2023).

As proxeccións desta cuarta xornada remataron co segundo filme da sección Proa. Ás 21:00, os asistentes puideron gozar de “The Whale of Lorino”, de Maciej Cruske (Polonia, 2019), que reflexa como unha das tribos siberianas máis antigas, os chukchi, tratan de sobrevivir mantendo a tradición da caza de baleas na rexión de Chukotka.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Outes. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Materiais adicionais dispoñibles no sitio web da mostra e nas redes sociais de Mares da Fin do Mundo (Facebook e Instagram). Tamén a petición no correo: comunicacion@maresdafindomundo.gal