‘Canción’, a mostra fotográfica do cineasta, estará na Fundación Luís Seoane ate o vindeiro mes de marzo
O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, interviu esta mañá na apertura da exposición ‘Canción’ sobre a obra de Pedro Costa, un dos directores máis importantes do cine europeo contemporáneo. A mostra, que estará aberta na Fundación Luís Seoane ate o vindeiro mes de marzo, está comisariada por Javier Codesal e corpoducida por La Virreina, Centre de la Imatge de Barcelona e a Fundación Luis Seoane.
“A través de ‘Canción’ coñecemos máis a figura de Pedro Costa e con el reflexionamos sobre como a historia e o contexto inflúen e conflúen na historia individual de cada un de nós” explicou o edil. A mostra articúlase a partir de oito obras, con títulos alusivos á idea do canto. Como novidade, inclúense nesta exposición Canción del volcán (proxección, 1951- 2013) e Cantoras y cantores (panel con 65 fotografías de rodaxe das películas de Pedro Costa, varios autores, 1990-2014). Estas pezas non figuraban na montaxe da exposición en ‘La Virreina’ e foron engadidas para ser mostradas específicamente na Fundación Luis Seoane. “É un orgullo contar na cidade coa exposición de Pedro Costa, un dos máis grandes cineastas dos últimos tempos e que da boa conta da potencia cultural e audiovisual que é A Coruña” concluíu.