O Secretario Xeral dos socialistas en Santiago anunciou o compromiso do goberno de Pedro Sánchez a incrementar a aportación do Estado ao Consorcio nun 10%
“O compromiso do Presidente con Santiago é absoluto e o seguirá demostrando, coa finalización da autovía Santiago-Lugo, coa creación dun novo Xulgado de Violencia de Xénero ou aportando máis fondos para a nova EDAR”
O Secretario Xeral dos socialistas en Compostela participou hoxe na consulta interna que o PSOE pechará este sábado para que as bases do partido dean luz verde á coalición con Sumar e ratifiquen os acordos do partido para formar goberno. Unha votación na que, Aitor Bouza, asegurou que está en xogo tamén “que Santiago siga avanzando”.
Bouza anunciou que o goberno de Pedro Sánchez planea incrementar a aportación do Estado ao Consorcio da cidade nun 10% durante os vindeiros tres anos, o que significaría unha subida de, practicamente, medio millón de euros. Recalcando as inversións realizadas polo goberno central durante estes anos “con infraestruturas tan importantes para a cidade como a nova Intermodal ou o enlace Orbital coa AP-9”, o líder dos socialistas composteláns insiste en que o voto a favor da formación de goberno “é un si tamén a que Santiago non se quede atrás”.
“O compromiso de Pedro Sánchez con Galicia e con Santiago é absoluto” recalcou Bouza na súa declaración a medios, na que anunciou tamén unha mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago na variante entre Curtis e Ordes, así como a execución definitiva dos tramos pendentes da autovía Santiago-Lugo.
“Convencido” de que outros catro anos de goberno de coalición “permitirá seguir avanzando nos dereitos conquistados”, Bouza reivindica tamén o legado desta lexislatura de Pedro Sánchez en materia de política social “co incremento do salario mínimo, a subida das pensións de acordo co IPC ou en materia de conquista de dereitos”.
Insiste na aposta do goberno do Estado por Galicia, recalcando ademais que, entre os compromisos de Pedro Sánchez coa cidade de Santiago está tamén o incremento da aportación do Estado ao cofinanciamento da EDAR, pasando de 65 ao 80% e o cambio da denominación da Intermodal de Santiago, que pasará a levar o nome de Daniel Castelao. Unha homenaxe “máis que merecida para a posta en valor do seu legado artístico, cultural e político” que virá acompañado de diferentes programacións co mesmo obxectivo.