O delegado da Xunta participou na apertura do congreso académico AI & Creation Day dentro da programación do festival AI Song Contest 2023
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participou na inauguración do congreso académico AI & Creation Day dentro da programación do festival AI Song Contest 2023, un concurso de composición musical feito mediante intelixencia artificial. Tras tres anos de historia esta edición traspasa a pantalla e celebrarase por primeira vez totalmente presencial na cidade da Coruña. O obxectivo deste festival é que músicos, produtores, técnicos enxeñeiros e programadores de todo o mundo colaboren para explorar as oportunidades que brinda a Intelixencia artificial.
Trenor subliñou que a Xunta de Galicia está a chamar a liderar a creación das condicións propicias para o desenvolvemento e a implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable, que respecte os os valores e normas, reforce a súa presenza nas cadeas de valor da industria e, ante todo, sirva á cidadanía. A Xunta de Galicia conta coa Estratexia Galega de Intelixencia artificial 2021-2030 (EGIA) que ten o obxectivo de converter a Galicia nunha rexión intelixente que contribúa á soberanía dixital da Unión Europea. Este plan mobilizará máis de 330 millóns de euros públicos da e xerará un impacto na creación de riqueza uns 472 millóns de euros nese período.
O representante do Goberno autonómico referiuse tamén a Cidade das @TIC un espazo que aglutina infraestruturas de innovación e servizos para fomentar a transformación dixital na industria, dirixidas tanto ás pequenas como ás grandes empresas. Trenor resaltou que é unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía, centrada principalmente na intelixencia artificial desde a que se ofrecen solucións tecnolóxicas ao tecido empresarial e lembrou que o primeiro edificio o Centro de Servicios Avanzados abriu as súas portas grazas a un investimento da Xunta de 5 millóns de euros e que no 2024 o Goberno galego destina outros 5 millóns de euros para a rehablitación doutro edificio como Centro de Formación Avanzada en Transición Dixital y Verde. “Todos estes esforzos teñen un claro obxectivo que A Coruña sexa un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia”, recalcou.