Friday 22 de November de 2024

Terceira xornada da VI edición de Mares da Fin do Mundo, Mostra Internacional de Cinema Documental


Este venres, 3 de novembro, desenvolveuse a terceira xornada da VI edición de Mares da Fin do Mundo,
Mostra Internacional de Cinema Documental, que se está a celebrar no Concello de Outes ata o 5 de novembro.

A mañá comezou coa celebración, no Náutico do Freixo, da Mesa Proxecta, unha actividade na que se debateu “A sostibilidade nos festivais de cinema no rural”. Esta mesa redonda, moderada por Marcos Gallego (director de MDFDM), contou coa participación de Adela Lestón (mariscadora e presidenta da Asociación de Mulleres do Sector Pesqueiro SEO Fisterra — Ría de Muros Noia), Antonio Rodríguez (responsable de comunicación en MDFDM), María Baqueiro (coordinadora do Pacto Cultura Sustentable de Galicia) e Arancha Estévez (periodista especialista en sostibilidade). A continuación, estaban programadas as saídas de navegación tradicional e inclusiva programadas no porto de O Freixo, grazas á colaboración coas asociacións culturais Terra de Outes e Joaquín Vieta, así como coa Asociación ADECO– DEA, entidade que promove o deporte adaptado. Lamentablemente, tiveron que ser suspendidas polas previsións meteorolóxicas.

 

A xornada continuou pola tarde coas proxeccións de seis filmes participantes na Competición Oficial. Divididos en dous bloques, as proxeccións comezaron ás 18:00 h na Casa da Cultura de Outes. No primeiro bloque proxectáronse tres documentais: “Squid Fleet”, de Ed OU & Will N. Miller (Estados Unidos, 2023), unha peza que amosa a pesca da lura en alta mar, unha das prácticas máis denunciadas polos grupos ecoloxistas de todo o mundo, e a explotación dos seus traballadores; “L´Effort des hommes”, de Jean Gabriel Périot (Francia, 2022), que reflexa a eterna destrutividade dos humanos sobre a natureza a través da caza de baleas, e “Piblokto”, de Anastasia Shubina & Timofey Glinin (Rusia/Estados Unidos, 2023), que documenta a vida dos chukchi, un pobo illado do mundo nas costas do océano Ártico, cuxa vida xira en torno á caza de morsas e baleas e a protección dos seus poboados fronte aos osos que chegan da Tundra.

O segundo bloque de competición, que pechaba a terceira xornada, comezou coa proxección de “Bloom”, de Helena Girón & Samuel Delgado (España, Canarias, Galicia, 2023), un filme que recupera a lenda da mítica illa de San Borondón, que historicamente se situou preto das Illas Canarias, para falar do vello desexo occidental de exploración e colonización. “Mission Microbiome”, de Giulia Grossmann
(Francia, 2022), documenta unha viaxe científica cun equipo internacional de investigadores dedicados ao estudio do plancto nas costas de Senegal. O último filme do bloque foi “MMRRSSMM… Xeosonica #1Atlantico”, de Andrés Mahía (España, Galicia, 2022), unha obra que explora os ruídos do mar, tanto os que percibimos coma os que non, cunha mirada artística e un enfoque experimental.

A Mostra Internacional de Cinema Documental MARES DA FIN DO MUNDO está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Outes. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).