Friday 22 de November de 2024

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia solicitará ser declarada de interese público


A asemblea da Asociación tivo lugar esta mañá no stand de Fairway

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia celebrou esta mañá unha asemblea no stand de Fairway, o gran foro de profesionais do Camiño que hoxe se clausura no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. Unha asemblea na que se trataron temas de gran interese para a asociación, como a aprobación das contas ou a solicitude á Xunta de que a asociación sexa declarada de interese público.

Esta declaración de utilidade pública suporía un recoñecemento a que o traballo que se desenvolve dende a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia ten a finalidade de lograr un interese xeral, neste caso promover este itinerario xacobeo. Un recoñecemento que suporía moitas obrigas para a Asociación, pero tamén algunhas vantaxes de tipo económico, subvencións, fiscais…

Así mesmo, os presentes fixeron unha valoración da participación da Asociación no congreso “Viaxes, intercambios, cultura e turismo: compartindo as mellores prácticas, estratexias e valores”, celebrado a finais de outubro no Palazzo Grandi Stazioni de Venecia e organizado pola rexión de Nordland (Noruega) en colaboración coa Regione del Veneto e a Asociación Internacional Vía Querinissima; e destacaron que o número de visitantes que está a recibir o stand do Camiño de Santiago da Ría Muros Noia durante a quinta edición do Fairway está sendo espectacular.

A asemblea estivo presidida pola presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. Nela tomaron parte os alcaldes de Ames, Blas García; Muros, María Lago; e Porto do Son, Luís Oujo; así como concelleiros e concelleiras de Brión, Noia, Outes, Rois e Santiago de Compostela.

Por outra banda, o stand do Fairway acollerá esta tarde a reunión da Asociación de Amigos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Un stand que está acaparando a atención dos visitantes ao Fairway, tanto pola súa boa localización dentro do recinto feiral de Santiago como polo seu chamativo deseño e as constantes proxeccións de vídeos promocionais do Camiño pola Ría de Muros Noia, entre as que se inclúe tamén o documental “O Camiño esquecido”.