Friday 22 de November de 2024

O nome de ‘Vicente Carril’ xa loce no campo de fútbol de Camariñas


· O letreiro coa nova nomenclatura da instalación foi colocado hoxe despois de aprobarse por unanimidade a proposta nun pleno extraordinario.

· Sandra Insua destacou que “hoxe honramos a un dos piares máis importantes da nosa comunidade, a un home excepcional”.

O campo de fútbol de Camariñas xa ten novo nome. Desde hoxe, venres 3 de novembro, pasa a chamarse ‘Campo Municipal Vicente Carril’, en homenaxe ao seu veciño e actual presidente do Camariñas CF, Vicente Carril Lema.

O letreiro coa nova nomenclatura da instalación xa foi colocado hoxe despois de aprobarse por unanimidade nun pleno extraordinario a proposta do goberno local, coordinada coa familia do homenaxeado, para bautizar o campo de fútbol co nome de Vicente Carril.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “hoxe é un día histórico, un día no que honramos a un dos piares máis importantes da nosa comunidade, a un home excepcional, Vicente Carril Lema, un veciño ilustre de Camariñas”.

“En nome de todo o pobo de Camariñas, quero agradecer a Vicente Carril Lema polo seu inmenso compromiso coa nosa vila, coa nosa xente e, por suposto, co club que preside”, afirmou.

Os méritos de Vicente Carril son extensos. El é: presidente e fundador do Camariñas desde o ano 1977, do que tamén foi xogador cando o equipo non estaba federado; aos seus 91 anos de idade é o presidente máis lonxevo e aínda activo do fútbol galego e nacional; foi secretario da confraría de pescadores, director do Instituto Social da Mariña e axente de seguros do mar; ocupou o cargo de Xuíz de Paz; foi presidente da comisión de festas do Carmen e presidente do Casino; un dos xerentes do Rialto, o primeiro cine do pobo; foi escollido Camariñán de Honra no ano 2022 e premiado pola Federación Galega de Fútbol no ano 2017 no apartado ‘Toda unha vida’.

A iniciativa inclúe que se coloque no campo unha placa en agradecemento ás irmáns Patiño e á Igrexa pola cesión dos terreos que fixeron no ano 1984. Alí poderase ler o seguinte texto: A Igrexa Parroquial de San Xurxo cede ao Camariñas C.F. o terreo denominado “As Galeras”, que lle pertence por herdanza de D.a Virginia Patiño Deschamps, sendo presidente D. Vicente Carril Lema. En agradecemento ás irmás Patiño e á Igrexa Parroquial de San Xurxo. Camariñas 2023.