Dani García ofreceulles un pase especial de “Don Gellati” no centro social polivalente de Brión
Preto de 140 persoas integrantes de seis colectivos de persoas con diversidade funcional na comarca participaron esta mañá na primeira actuación do festival Brión Inclúe, unha iniciativa dirixida a favorecer a inclusión real de persoas con discapacidade a través da cultura. Unha iniciativa organizada polo Concello de Brión, xestionada por Culturactiva S. Coop. Galega, subvencionada pola Deputación da Coruña, e que conta coa colaboración de Gadis e Froiz.
O alcalde de Brión, Pablo Lago San Martín, e o coordinador do Brión Inclúe, Fran Rei, foron os encargados de recibir ás 35 persoas desprazadas por Sarela Dano Cerebral (Santiago de Compostela), outras 35 de Avante (Val do Dubra), 20 de Misela (Noia), 30 de Aspamite (Teo), 9 de Andaina pro Saúde Mental (Dodro) e outras 9 de Amipa (Rois). Ademais, animounos a desfrutar das exposicións “Diseñatas: Illas Atlánticas”, da Fundación IgualArte, e “Traballos Obradoiro de Coiro”, da Asociación AVANTE, que ata o 12 de novembro poden visitarse no centro social polivalente.
Pola súa banda, Dani García ofreceu un pase da súa comedia “Don Gellati”, onde a expresión corporal substitúe ás palabras e onde a comunicación co público é constante e dinámica. Todo sobre unha historia sinxela sobre un vendedor de xeados que irá sufrindo unha serie de infortunios no seu carro dos xeados.
Programación
Para mañá sábado 4 de novembro, ás 20.30h, o auditorio do Centro Social Polivalente acollerá a representación de “Hugo”, unha peza teatral cuxo protagonista é un cativo con TEA. O seguinte sábado, 11 de novembro, á mesma hora e no mesmo lugar, representarase a peza “Ubú Rei”, das usuarias de ONCE Ourense. Dúas citas abertas ao público familiar xeral.
A programación achegarase tamén aos centros escolares de Brión para concienciar ás novas xeracións das diversas realidades que acontecen ao noso redor e, sobre todo, para facerlles ver que ninguén é alleo a elas. Así, o luns 6 de outubro o alumnado de 3º da ESO do IES Brión desfrutarán de “Soños”, unha peza teatral de Artefeito Producións e IGAXES que fala sobre a situación das mozas e mozos tutelados e os estereotipos que os rodean.
Os máis cativos tamén poderán ver un Contacontos de Cris de Caldas chamado “Contos para entender(nos) mellor”, en dous pases o xoves 9 de outubro (ás 10:00 na Escola Infantil de Sabaxáns e ás 11:30 horas na Escola Infantil dos Ánxeles) e un terceiro pase o venres 10 de outubro no salón de actos do Polivalente para o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.
Como broche final á programación do VI Festival Brión Inclúe, o domingo 12, a partir das 12.00 horas, celebrarase Sesión Vermú presentada por Andrea Bugallo que contará coas actuacións de Iguatuke, Minguante e Sophie Simonds.