Saturday 23 de November de 2024

Cariño restrinxe por seguridade as actividades ao aire libre e pecha o poliderportivo


• Ante as condicións meteorolóxicas adversas dos últimos días e as previstas para a fin de semana, o Concello opta por solicitar prudencia e minimizar as saídas.

Cariño restrinxe por seguridade as actividades ao aire libre desde hoxe, venres 3, e ata última hora do domingo 5 de novembro. Ante as condicións meteorolóxicas adversas das últimas horas, actuais e as previstas para a fin de semana, o goberno municipal cariñés optou pola prudencia. Así, co fin de priorizar a seguridade de todos os seus veciños e veciñas, o executivo estableceu a suspensión de todas as actividades programadas ao aire libre en equipamentos e espazos de titularidade municipal.
A restrición non afecta unicamente os espazos abertos, pois o executivo local tamén estableceu o peche do Polideportivo Municipal. Deste xeito, tanto onte xoves como hoxe todas as disciplinas das Escolas Deportivas quedaron suspendidas. O peche do pavillón amplíase polo menos ata mañá sábado, polo que Cariño a instalación cariñesa acumulará polo menos tres días consecutivos sen uso. En función de como avance a borrasca, este peche poderíase ampliar tamén ao domingo.

Máis aló destas restricións, o Concello tamén solicita que tanto os residentes como os posibles visitantes extremen as precaucións e non se acheguen a zonas boscosas, peiraos, praias, zonas costeiras e cantís. Tamén se pide que non leven a cabo desprazamentos innecesarios co fin de protexerse dos fenómenos meteorolóxicos costeiros que colocan a Cariño este venres nun nivel de alerta laranxa e que continuarán sendo perigosos nas próximas horas.
Balance previo

Estas restricións de fronte ao fin de semana chegan despois de varios días dun mal tempo que provocou numerosos incidentes en Cariño. Con todo, non se rexistraron danos persoais e as incidencias tiveron que ver con árbores caídas, cables do tendido, farois ou algún noiro de terra.
Todas estas incidencias puideron ser atendidas polo persoal municipal, do que a alcaldesa, Ana María López, destaca o “enorme esforzo” de implicación a pesar de ver nos últimos anos como se reducía o persoal.

Os fenómenos meteorolóxicos adversos tampouco impediron a celebración, hai xa unha semana, do Samaín. O Concello fai un balance “positivo” dun evento que permitiu que os máis novos gozasen dunha tarde temática, rematada co singular desfile sen luz artificial polo caso histórico do municipio.