Friday 22 de November de 2024

O grupo socialista aféalle ao bipartito que pase “de 0 a 99 euros” o programa de conciliación de Nadal e insta a programar as Cativadas nos Centros Socioculturais


Marta Abal recórdalle a Goretti Sanmartín que no seu tempo na oposición “acusou ao goberno de afogar ás familias e pediu duplicar prazas” e “agora o que fai é recortar prazas e cobrar polo programa de conciliación cando o pasado ano foi gratuito”.

No programa de conciliación de 2022 alcanzáronse un total de 285 prazas entre os diferentes programas

De cero euros a 99, ese é o incremento que experimentou este ano o custo para as familias usuarias do programa de conciliación de Nadal nos CEIP respecto o 2022. O grupo socialista acusa á alcaldesa de “desinterese na conciliación das familias de Santiago” e aféanlle que “unha vez máis” incumpra a palabra dada “en contra do que abandeirou no pasado”.

Marta Abal recórdalle a Sanmartín que, durante o pasado mandato “esixiu que se duplicara a oferta de conciliación durante o Nadal e falou de que o prezo das actividades en 2020 afogaba ás familias”. Critica que sexa agora o BNG quen sube o prezo da matrícula, pasando da gratuidade no pasado Nadal aos practicamente 100 euros que custa nesta nova convocatoria: “entendemos no pasado Nadal que, ante a crise económica que vivían e viven moitas familias, o mellor era dar facilidades de conciliación gratuítas, e semella que a señora Sanmartín non pensa como nós”.

Desde as filas socialistas instan ao bipartito a rectificar e “ofrecer unha solución de conciliación realista e acorde ás circunstancias económicas actuais”. Tamén cuestionan a realización das Cativadas de Nadal nos Centros Socioculturais de toda a cidade. Recorda Abal que esta funcionou como “unha alternativa de conciliación para moitas familias” con 185 prazas ofertadas o Nadal pasado, das que 75 se ofertaban en centros do rural, e insiste na necesidade de recuperar, este ano tamén, este programa para o Nadal.