Friday 22 de November de 2024

O Concello Lousame denuncia que Movistar deixou sen servizo telefónico á veciñanza de Fruíme desde o 24 de outubro


A alcaldesa lamenta a falta de solucións por parte da compañía e estudará a posibilidade de cambiar o contrato de servizo telefónico municipal diante desta falta de empatía da empresa coa veciñanza

O Concello de Lousame denuncia que os veciños e veciñas da parroquia de Fruíme levan sen servizo telefónico de Movistar desde o pasado 24 de outubro. Once días nos que a operadora non foi quen, nin sequera, de identificar a incidencia e se limita a contestar que se está traballando nunha pronta solución

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “estamos falando dunha parroquia con moita xente maior, polo que dende o Concello estamos preocupados porque sabemos que moitos deles teñen servizo de teleasistencia e que para case todos o móbil converteuse no seu único medio de contacto coa familia. Pero tamén hai empresas que están a verse prexudicadas pola falta de empatía que Movistar amosa cara as familias e empresas do rural”.

Neste sentido, o Concello de Lousame leva dende o pasado 24 de outubro facendo chamadas de denuncia e presentando queixas por escrito. De feito, o pasado 31 de outubro chegou unha resposta por escrito de Movistar na que reproducen as mesmas indicacións que por teléfono: que son conscientes da existencia dunha incidencia, que non identifican pero na que aseguran levan máis de 10 días traballando para a súa pronta resolución.

“Levan dicindo o mesmo desde o primeiro día”, lamenta Teresa Villaverde, “pero se despois de dez días de traballo non foron quen nin de identificar o problema, a compañía ou ben ten unha falta total de empatía co rural ou amosa unha total incompetencia á hora de resolver os problemas técnicos”. Por iso, a alcaldesa de Lousame asegura que “imos seguir reclamando a Movistar que arranxe xa os problemas en Fruíme e estudaremos tamén a posibilidade de cambiar o contrato do servizo telefónico do Concello. Porque se unha compañía amosa esta falta de empatía coa veciñanza, tampouco queremos que nos presten servizo”.