A subvención nominativa municipal ascende a 5.000 euros.
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Héctor Morgade, Patrón Maior de Caión, rubricaron o convenio en virtude do que se renova a colaboración entre o Concello e a Confraría de Pescadores da localidade costeira para o 2024 nos mesmos termos que nos anos anteriores. No acto, celebrado no Concello, tamén participaron a edil responsable da área de Turismo, Patricia Bello, e o secretario da Confraría de Pescadores, Camilo García-Puertas.
Dito convenio establece que o Concello da Laracha concede unha subvención nominativa de 5.000 euros coa finalidade de cooperar no financiamento dos gastos derivados da apertura ao público e o mantemento das instalacións (persoal, limpeza, subministros, etc.) do Arquivo da Pesca, museo que é propiedade da Confraría.
O Arquivo da Pesca foi creado para poñer en valor o rexistro histórico da Confraría, dignificar o oficio dos pescadores e divulgar a cultura mariñeira. Atópase no baixo do edificio do pósito, en pleno paseo marítimo de Caión, e alberga os fondos do arquivo e unha exposición permanente que percorre a historia e a cultura mariñeira da vila a través da actividade pesqueira. Por medio de documentos, obxectos e paneis explicativos pódese coñecer o pasado de Caión, desde os antigos baleeiros ata a época dourada da pesca no século XX.