Friday 22 de November de 2024

A lei autonómica da Policía Local provoca unha situación caótica nos concellos pequenos e medianos


O Concello de Oleiros ten unha cadro de persoal de 42 policías locais, suficientes para cubrir as necesidades do municipio. Na actualidade, hai 23 axentes (19 policías, 3 oficiais e 1 inspector), dos que 4 están de baixa. Para cubrir as prazas vacantes ou poder suplir de forma interina as baixas de longa duración, o Concello vese impedido pola actual lei da Xunta de Galicia.

Desde a aprobación en 2007 desa nefasta normativa por parte do Goberno bipartito, que o PP tampouco modifica para seguir beneficiando as cidades, o prexuízo que se lle causa aos concellos medianos e pequenos é enorme ao permitirse a libre mobilidade dos axentes sen ningún tipo de restrición. Así, o éxodo de policías cara ás grandes cidades é continuo, provocando tamén a acumulación de 2 prazas nunha mesma persoa. No caso de Oleiros, en 3 anos marcharon 11 policías, 10 para A Coruña e 1 para Vigo.

Para cumprir a lei, as convocatorias para poder repoñer as baixas demóranse ata máis dun ano. Despois, o Concello ten que pagar o salario e a formación dos novos policías na academia da Xunta na Estrada durante 6 meses, aos que hai que engadirlles 3 máis de prácticas. É dicir, a Xunta converteu os concellos medianos e pequenos en academias de formación para que os policías despois acaben traballando nas cidades.

O Concello de Oleiros incorporará proximamente 10 novos policías. Neste momento están convocadas 7 novas prazas de policía: 5 por oposición e 2 por mobilidade. Ademais, no mes de decembro entrarán no cadro de persoal 3 policías dunha convocatoria anterior.

Oleiros sempre tivo bos policías locais e o persoal actual cumpre cos seus cometidos perfectamente. Ademais, as xa actualmente boas condicións salariais dos policías tamén se verán melloradas. O salario base para o ano 2024 será de 32.355 euros, ao que hai que engadir o cobro por reforzos, antigüidade…

Respecto ao material e o mobiliario das instalacións municipais, renóvase cando se necesita, non antes. Actualmente hai 7 vehículos para patrullar.

Co obxectivo de poñer fin a este grave problema que afecta por igual a todos os concellos galegos de entre 10.000 e 40.000 habitantes, o alcalde está a promover unha proposta de consenso para a próxima asemblea da Fegamp, o 15 de novembro. O PP, en vez de intentar manipular a opinión pública con manifestacións demagóxicas, debería empregar a maioría que ostenta no Parlamento de Galicia para modificar a lei e acabar con esta situación.