Friday 22 de November de 2024

O Concello impulsa o convenio co MITMA que aportará 9 millóns de euros para a nova Intermodal


O Concello destinará, ademais, máis de 300.000 euros á cidade das TIC e máis de 700.000 euros ás obras de accesos á nova estación

O Concello actualiza as ordenanzas fiscais, e os inmobles desocupados, en propiedade dunha persoa titular con catro ou máis inmobles de uso residencial, terán un recargo do 50% se superan os dous anos baleiros

O Goberno municipal aprobou hoxe, en Xunta de Goberno Local, o texto do convenio entre o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) e o Concello da Coruña para o financiamento da Estación Intermodal. A subvención nominativa, comprometida pola ministra Raquel Sánchez na súa última visita á Coruña, forma parte das achegas do MITMA contempladas no Programa para a implantación de Zonas de baixas emisións e a transformación do transporte urbano e metropolitano.

O texto do convenio aprobado esta mañá permitirá, unha vez asinado, a transferencia dos 9.092.000 euros estatais á entidade local para a súa achega á construción da Estación Intermodal. Deste xeito, o Concello non terá que asumir con fondos propios o investimento, corrixindo a falta de reparto de fondos europeos Next Generation da Xunta de Galicia, que si emprega recursos europeos para a súa parte da obra mais que non asignou a cidade cantidad algunha para facer fronte á parte municipal dos traballos.

Modificativo de crédito

O Goberno local vén de aprobar en Xunta de Goberno Local un modificativo de crédito que permitirá afrontar investimantos por valor de 3,5 millóns de euros para diversos gastos correntes do desenvolvemento da actividade municipal en instalacións e edificios municipais. Tamén se recolle o financiamento do Concello aos proxectos do servizo de extinción de incendios co obxectivo de acometer distintas melloras. O concello achega así o 10% que completa o 90% financiado coas contribucións especiais a cargo da xestora de concertos.

Destaca a consignación de crédito de 336.600 euros para a dotación do capital necesario de cara á constitución da Sociedade pública xestora Cidade das TIC coa UDC. O Concello da Coruña terá o 51% das accións representativas de acordo co capital social achegado.

Outra das inversións destacadas no modificativo de crédito correspóndese coa anualidade marcada no convenio asinado entre este Concello, a Xunta de Galicia e ADIF de cara ás obras da estación Intermodal, que inclúen a execución da terminal de autobuses, aparcamentos, xunto con elementos comúns da intermodalidade. Achéganse así 189.700,52 euros correspondentes á anualidade 2023 para financiar as obras ordinarias de urbanización do viario de conexión entre avenida da Sardiñeira e avenida de Arteixo.

O modificativo permitirá facer fronte tamén a outros gastos necesarios como consumos enerxéticos e persoal.

Subvencións a entidades

O Goberno de Inés Rey tamén aprobou esta mañá unha modificación do Anexo de Subvencións nominativas para dúas entidades de carácter social. O Concello da Coruña mantén un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para o financiamento dos gastos de mantemento do Fogar Infantil Emilio Romay (FIER) polo que achega, de xeito anual, un total de 19.000 euros. De acordo coa suba do IPC, o Goberno Local aprobou o aumento da contía a 20.121 euros, axustando a partida.

A XGL tamén aprobou o cambio de preceptor na subvención para o desenvolvemento do programa de sensibilización para a prevención da vida saudable. O programa, realizado pola Real Academia de Mediciña de Galicia, conta cun orzamento anual de 10.000 euros de acordo co convenio suscrito coa entidade para a posta en marcha das actividades.