Thursday 21 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño reanuda a prestación do servizo de Educación familiar


Tras varios meses interrompido, o Concello de San Sadurniño acaba de retomar a prestación do servizo de Educación familiar. Un servizo que, como o seu propio nome indica, presta apoio socieducativo ás familias tanto na crianza das súas fillas e fillos como na prevención e resolución de conflitos. A Administración local abriu antes do verán o procedemento para a confección dunha lista de contratación de cara a substituír á técnica titular do posto ante eventuais permisos, vacacións ou baixas médicas. Unha vez concluída a tramitación da bolsa, na que figuran preto dunha vintena de nomes, o Concello xa tivo que acudir a ela para facer chamamentos. De feito, hai escasos días incorporouse ao cadro de persoal (con carácter temporal) a Educadora Social Verónica Pérez Calvo. Aquelas familias ou persoas a título individual que tivesen casos en seguimento ou que desexen facerlle calquera consulta -por teléfono ou concertando unha cita presencial- poden contactar con ela no 981 490 027.

O Servizo de Educación familiar encárgase das actividades e programas socioeducativos dirixidos a nais e pais e ás súas fillas e fillos, co obxectivo de fomentar unha aprendizaxe mutua que beneficie tanto a convivencia como o desenvolvemento das menores desde bebés ata ben pasada a adolescencia.

Neste sentido, o departamento organiza anualmente as Escolas de familias -o antigo Preescolar na casa- e obradoiros relacionados coa comunicación ou coa prevención de condutas aditivas de todo tipo, sen contar con que os programas que leva a cabo tamén se coordinan sempre coas áreas de Igualdade e de Servizos Sociais.

Ademais, nos últimos anos o servizo de Educación familiar ampliou o seu labor traballando de maneira intensa e non sempre visible na atención, apoio e seguimento da situación de persoas en risco de exclusión, así como na abordaxe de casos de violencia de xénero e doutras situacións que precisan unha intervención inmediata e un acompañamento posterior no que teñen tanto valor os coñecementos técnicos para a busca de recursos axeitados como a capacidade de empatizar coas persoas que precisen a axuda profesional.

Trala creación da bolsa de emprego de Educación familiar para a cobertura de baixas ou ausencias da técnica titular, o Concello xa acudiu a ela para facer o primeiro chamamento convocando para contratación (segundo os criterios de funcionamento da lista) á Educadora social Verónica Pérez Calvo.

A técnica está dispoñible polas mañás no horario de atención ao público das oficinas municipais. Pódese concertar cita con ela -ou facerlle consultas telefónicas- a través do 981 490 027.