O xurado do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro deberá decidir a obra que merece a distinción entre o total de vinte e tres orixinais presentados.
Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; María Xesús Blanco, presidenta da A. C. Barbantia; e María Canosa, gañadora da quinta edición; integrarán o tribunal para tal cometido.
Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, o dito certame busca estimula-la produción literaria destinada a un público lector con idades comprendidas entre os 8 e 12 anos, promove-los autores e autoras en lingua galega de literatura infantil e homenaxea-lo escritor falecido en 2017.
O premio, segundo indica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, considerará un único relato gañador, ao cal se lle asigna unha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da Editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada da Pobra. Engade que “este certame xa está consolidado e camiño de converterse nun dos premios galegos de referencia na literatura infantil.”
O galardón recaeu nas cinco anteriores convocatorias en Os Fantom, de Patricia Mallo; O enigma do baúl pechado, de Xosé Antonio Neira Cruz; a terceira edición quedou sen adxudicar ao estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; e Teño un volcán dentro, de María Canosa.