Saturday 16 de November de 2024

Máis dun cento de persoas participa na andaina solidaria do Concello de Frades en favor da iniciativa “A Ilusión de Sergio”


Máis dun cento de persoas desafiaron ás malas predicións meteorolóxicas e participaron na andaina solidaria en favor de “A Ilusión de Sergio”, organizada polo Concello de Frades, celebrada este mércores coincidindo coa festividade de Todos os santos. Unha iniciativa que buscaba recadar fondos para que este mozo de 17 anos de Mesía poida acceder a unha terapia xénica que lle permitiría mellorar dunha enfermidade ultrarrara que padece: a paraparesia espástica tipo 50, que causa déficit cognitivo, dificultade para camiñar e falar, ataques epilépticos…

O propio Sergio e a súa familia encabezaron a andaina solidaria, que saíu ás 10:00 horas da praza de Ponte Carreira para percorrer algo máis de 3 quilómetros ata a capela de Augasantas, dende onde se iniciou o camiño de volta á saída. Unha andaina á que se sumaron todos os integrantes do Grupo de Goberno do Concello de Frades, así como outros membros da corporación municipal, encabezados polo alcalde Roberto Rey Martínez.

Cada participante na andaina colaborou con 5 euros, ao que hai que engadir as vendas de pulseiras solidarias e doazóns que se fixeron nun peto solidario para recoller donativos na propia praza. Todo o recadado irá destinado á Fundación Columbus, para colaborar no caso de Sergio.