O Concello actúa no polideportivo para evitar que se deteriore o parqué da pista.
O temporal de chuvia e vento que orixinou a borrasca Ciarán provocou incidencias no termo municipal da Laracha, tanto en infraestruturas de titularidade municipal como na rede viaria.
A instalación que sufriu un dano de maior entidade foi o pavillón polideportivo Municipal da Laracha, onde o vento arrincou da cuberta unha das pranchas translúcidas de metacrilato, o que levou consigo a entrada de auga da chuvia no interior. O Concello xa está a realizar os traballos oportunos para reparar a cuberta e secar a pista para evitar que se deteriore o parqué. Por este motivo foi suspendida a actividade nesta instalación centrada principalmente na práctica do baloncesto.
Na rede viaria rexistráronse varias incidencias coa acumulación de auga en determinados puntos e a caída de polas e mesmo de árbores. As máis importantes afectaron á vía que comunica Gabenlle (parroquia de Torás) con As Brañas da Viña (Vilaño) e tamén na estrada do Igrexario de Erboedo. A retirada dos troncos foi a cargo dos operarios das brigadas municipais e tamén da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que traballan desde primeira hora da mañá para minimizar as incidencias nas estradas e aumentar a seguridade dentro das dificultades que o propio temporal implica.
En ningún dos casos se produciron danos de índole persoal.