Friday 22 de November de 2024

O Concello da Pobra comunícalle á Mobilidade necesidades por solucionar na estación de autobús


Por causa do peche da cafetaría da estación de autobús da Pobra do Caramiñal, a instalación quedou sen servizo de iluminación, limpeza e acceso aos baños. Por mor das queixas das persoas usuarias do transporte público, o Concello da Pobra do Caramiñal interesouse pola situación ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade -ente con competencia nesta instalación- e, mentres tanto, a Administración local estivo a asumi-la recollida do lixo.

O alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira da Mobilidade, Rosana Pérez, mantiveron neste 2 de novembro un encontro coa xefa do Servizo das Infraestruturas da Dirección Xeral da Mobilidade, Tamara Subiela, para solicita-lo restablecemento dos ditos servizos, pois son as necesidades máis urxentes. Adquiriuse o compromiso de solucionar todo isto, ademais de incrementa-la sinalización.

Outras das intervencións que o Concello considera que a Xunta de Galicia debe efectuar no recinto son a mellora da incorporación á estrada dos autobuses, avanzar en materia de accesibilidade e buscar unha alternativa para reforza-la pérgola co obxectivo de incrementa-la protección cara ás inclemencias meteorolóxicas.