Saturday 16 de November de 2024

A alcaldesa reúnese coas asociacións de hostalaría para explicar o plan de comprobación da seguranza dos locais


A alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, xunto con persoal técnico, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes de Hostelería Compostela, Hostalaría.gal e a Asociación de Bares, Pubs e Discotecas para explicar o contido do plan destinado a verificar as medidas de seguranza nos locais, para atender a preocupación que manifesta publicamente o sector hostaleiro. O Concello estudará a proposta presentada polas asociacións para pór en marcha unha Mesa sectorial de hostalaría.

Este plan que vai poñer en marcha o Concello, para o que quere contar coa colaboración das asociacións que agrupan os establecementos, fundamentalmente de hostalaría, pretende garantir a seguridade das persoas usuarias dos locais.

O sector da hostalaría é unha peza destacada no aspecto socioeconómico de Santiago de Compostela, con recoñecemento pola súa calidade e a cantidade de locais existentes. Ante a inquedanza social sobre as medidas de seguranza e de prevención de incendios, o Concello de Santiago pon en marcha este plan que pretende verificar a súa adecuación ás medidas de seguridade, en caso de que haxa carencias, achegándolles, antes de nada, información precisa sobre cales deben ser.

O Concello elaborou unha instrución que guiará as inspeccións para que todas as partes teñan claros os obxectivos, que se dará a coñecer ás entidades asociativas do sector. Vaise comprobar o funcionamento dos percorridos de evacuación, a sinalización e iluminación de emerxencia e a seguridade contra incendios, fundamentalmente, sempre tendo en conta as condicións que se autorizaron para cada establecemento.

Para isto, traballarase para achegarlles toda a información aos sectores atinxidos para que a teñan en conta á hora de desenvolver as súas actividades e, polo tanto, poidan identificar se os seus locais teñen deficiencias e actúen para corrixilas sen necesidade de requirimentos.

Con este obxectivo preténdese minguar a alarma social e ofrecerlles as mellores condicións ás persoas usuarias dos locais, ademais de favorecer a actividade do sector hostaleiro.