Terá lugar este mércores 18 de outubro ás 20:00 horas
A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá o sábado 11 de novembro, a partir das 17:00 horas, a V Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, organizada polo CIM do Concello de Boqueixón en colaboración co Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A entrada é totalmente libre, se ben é preciso anotarse previamente a través deste formulario: https://forms.gle/99t6rM1T9sVRrbbe9.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, será a encargada de dar a benvida ao público asistente, precedida dos acordes do grupo de acordeóns da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. A primeira charla, “A realidade da Violencia de Xénero”, correrá a cargo de Eva María Vigo, veciña de Brión que ofrecerá a súa testemuña como sobrevivinte á violencia de xénero e que estará acompañada de Yolanda Neira, psicóloga do CIM.
Ás 17:50 horas, Cristina Carbajales, directora do CIM, presentará a segunda ponencia da tarde: “A realidade da trata con fins de explotación sexual”, onde terá lugar a proxección do documental “Chicas Nuevas 24 h”, dirixido por Mabel Lozano sobre a compra-venda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. O alcalde Ovidio Rodeiro será o encargado de clausurar a xornada, tras o cal o grupo de acordeóns da AC Mestre Manuel Gacio tocará unha nova peza.
Na entrada da Casa da Cultura estará dispoñible a exposición “Imaxes que falan”, mostra creada pola Asemblea do Estudantado de Educación Social en base a fotografías de Agostiño Iglesias; así como un photocall pola igualdade. Máis información: 981 51 30 61 ou cim@boqueixon.com.