Thursday 21 de November de 2024

O Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia presenta o seu novo catálogo de empresas e servizos aos operadores e axencias de viaxes que participan no Fairway 2023


O stand acollerá mañá venres unha asemblea da Asociación de Municipios do Camiño A Santiago pola Ría de Muros Noia, así como unha reunión da Asociación de Amigos do Camiño

A Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia participa esta semana na quinta edición Fairway, o gran foro de profesionais do Camiño que terá lugar ata o 3 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. A asociación participa cun stand funcional xunto á Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA), a Asociación de Amigos do Camiño da Ría de Muros Noia e Sailway, a única navieira de Galicia que opera no Camiño de Santiago.

A Asociación aproveitará para participar no workshop organizado por Fairway con preto de corenta recoñecidos “Hosted Buyers”, operadores e axencias de viaxes que traballan no Camiño de Santiago a nivel internacional. Unhas reunións nas que a Asociación aproveitará para presentarlles o catálogo actualizado de empresas e servizos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia.

Así mesmo, o venres 3 de novembro, ás 11:00 horas, o stand acollerá unha Asemblea da Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia; e ás 17:30 horas, unha reunión da Asociación de Amigos do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia. Durante os tres días haberá proxeccións de vídeos promocionais do Camiño, así como do documental “O Camiño esquecido”.

Inauguración oficial

A Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia conta cun stand funcional orientado tanto á recepción de visitantes como á organización de grupos de traballo. Está emprazado á entrada do Pazo de Congresos, o que garante unhas afluencias constantes de visitantes. Os primeiros en visitalo foron as autoridades encargadas de inaugurar oficialmente o Fairway.

Goretti Sanmartín, no seu dobre cargo como alcaldesa de Santiago e integrante da Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia, encabezou a comitiva oficial integrada por Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; Antonio Leira, responsable de Deporte e Xuventude da Deputación da Coruña; Cesáreo González Pardal, presidente do Cluster de Turismo de Galicia; e Miriam Louzao, concelleira de Turismo de Santiago. Unha comitiva que foi recibida por Javier Ruíz de Cortázar, presidente de ASNAUGA e Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros Noia.