• O evento, que estaba previsto para esta fin de semana, tivo que ser aprazado polas malas condicións climatolóxicas
• Daranse cita máis de 120 camións e haberá, ademais, animación musical en directo, sorpresas e sorteos
A IV Concentración de Camións terá lugar, finalmente, o venres e sábado 17 e 18 de novembro na alameda de Ortigueira. O evento, que estaba previsto para o 3 e 4 de novembro, tivo que ser aprazado polas malas previsións meteorolóxicas.
A concentración comezará a partir das 19:00 horas do venres, día 17, coa recepción e colocación de vehículos. No lugar daranse cita un total de 125 camións, xa que as inscricións están pechadas ao alcanzarse o número máximo.
Tamén nesta xornada, a partir das 22:30 horas, a festa estará amenizada polo Trío Vertixe.
O sábado, día 18, a recepción de vehículos comezará ás 9:00 horas. Ás 12:00 horas realizarase unha saída polo municipio para contemplar algúns dos seus lugares máis emblemáticos e chegando ata o popular Banco de Loiba.
Tras este paseo, a partir das 14:30 horas o grupo Unión e Forza será o encargado de animar a sesión vermú previa á comida popular, na que xa están rexistradas, polo momento, 350 persoas. O menú ten un prezo de 24 € para persoas adultas e 12 € para os nenos e nenas menores de 12 anos.
Durante a tarde, as persoas participantes poderán gozar de inchables gratis, sorteos e sorpresas. A noite estará amenizada polo grupo Unión e Forza e a orquestra #Finisterre.
Desde a organización animan a toda a cidadanía a achegarse ata o lugar e gozar deste evento, de características únicas: “Para nós foi un golpe moi duro ter que tomar a decisión de aprazalo. Poñemos toda a nosa ilusión nisto e foi difícil, pero a seguridade é ou máis importante”, aseguran e convidan “a todos e todas a asistir e gozar connosco destes días”.