O Concello de Neda vén de adxudicar por 71.546 euros as obras substitución da cuberta e das fiestras do salón de actos da Casa da Cultura. A intervención busca poñer fin ás filtracións de auga, derivadas fundamentalmente do mal estado da instalación de pluviais do edificio, e aos problemas de humidade que se veñen rexistrando nos últimos invernos.
Tras unha primeira licitación que quedou deserta, será finalmente a firma Desarrollos de proyectos constructivos gallegos SL a que se encargue de acometer os traballos.
As actuacións previstas consistirán na retirada da cuberta orixinal de fibrocemento, habitual nos anos de construción do inmoble (data de 1960). A intervención requirirá de equipos especiais de eliminación de amianto. Posteriormente, procederase a instalación dunha cuberta nova de panel sándwich de aceiro galvanizado, e unha axeitada rede de augas pluviais.
Ademais, co obxectivo de dotar dun maior grado de confort térmico ás dependencias, o Concello cambiará as actuais ventás do salón de actos, resoltas con materiais tamén doutra época, por unhas novas de PVC, bicolor no salón de actos, e dotadas de persiana. Unhas ventás que suporán a maiores unha importante mellora a nivel acústico.
A materialización do proxecto de obras terá como consecuencia un notable aforro para as arcas municipais, ao acabar coas constantes actuacións de mantemento que se fan no tellado, e reducir o consumo enerxético dedicado tanto a quentar como a arrefriar o inmoble nas diferentes épocas do ano.