O Concello de Moeche está ampliando nestes días o número de colectores para a recollida de envases lixeiros e de papel e cartón. Unha iniciativa financiada por Ecoembes a través dun convenio subscrito recentemente por valor de 4.700 euros para a adquisición de colectores metálicos azuis -os do papel- e de colectores amarelos para a recollida de latas, bricks, bandexas ou botellas plásticas, entre outros restos. O consistorio está recibindo estes días o material, que xa se está empezando a distribuir polo territorio co obxectivo de promover unha correcta separación en orixe, facilitar a recollida e, ademais, mellorar o balance anual de refugallos que terán unha segunda vida por medio da reciclaxe. A achega económica provén do fondo de valorización do Convenio Marco de Colaboración entre a Xunta de Galicia e Ecoembes, ao que Moeche se adheriu neste 2023 por terceira vez desde 2021.
O acordo asinouse a finais de setembro e o equipamento recibiuse hai uns días. Son dous colectores metálicos azuis de grande capacidade para papel e cartón e varios máis pequenos para depositar envases. O seu destino será ampliar a rede municipal con novos puntos de recollida. “Pouco a pouco imos incrementando o número de colectores para facilitarlle á veciñanza a separación dos refugallos que poden reciclarse”, apunta o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Pedreira
Malia que, segundo o concelleiro, a ampliación do parque de colectores azuis e amarelos “contribúe a mellorar o servizo de recollida selectiva e a reciclaxe”, desde o Concello insístese na importancia de “seguir poñendo en práctica un consumo responsable co que entre todas e todos consigamos reducir o que se tira no lixo”. O edil recorda a este respecto que tanto a recollida como o posterior tratamento “seguen supoñendo custes económicos e ambientais, aínda que se recicle unha alta porcentaxe dos refugallos. Por iso é vital reducir e reutilizar todo o que se poida”.
Para cumprir coa redución no noso día a día -algo que o Concello de Moeche ten asumido como parte do seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 20230- poden seguirse os consellos ofrecidos por SOGAMA e outras entidades nas súas campañas de concienciación:
Na compra, no compres residuos
Tenta adquirir artigos que estean minimamente envoltos. Á hora de escoller entre produtos semellantes, elixe aquel que teña menos envases e embalaxes.
Non esquezas levar o teu carro da compra ou a bolsa de lona ou tea de toda a vida, evitando con iso utilizar unha nova bolsa de plástico cada vez. Rexeita as bolsas que non necesites, aínda que insistan en regalarchas.
Solicita ao dependente/a que non envolva e empaquete os produtos que compraches, salvo que sexa imprescindible.
Procura comprar artigos reutilizables. Lembra que os de usar e tirar incrementan a cantidade de residuos.
Promove o uso de produtos que veñan en recipientes recargables.
Rexeita os consumibles (froitas, carnes, verduras) envasados en bandexas de plástico.
Afaite a adquirir artigos a granel ou sen empaquetar. Pensa que o envoltorio non forma parte do produto que adquirimos e que acaba por converterse nun residuo do que nos desprendemos inmediatamente.
Nas bebidas e líquidos, opta por envases grandes, e se son retornables, mellor. As botellas, frascos e tarros de vidro constitúen unha magnífica opción (o vidro é 100% reciclable).
Lembra que comprar en grandes cantidades non só é máis barato, senón que tamén permite reducir a cantidade de embalaxes. Ten en conta que os produtos en frasco familiar xeran menos residuos por unidade.
Antes de realizar a compra, fai a lista do que precises. Deféndete ante as estratexias de venda das grandes superficies (ofertas tentadoras, compras impulsivas, etc).
No fogar
Usa trapos de cociña en lugar de rolos de papel, e utiliza panos de algodón en lugar de panos de papel.
Cos restos das comidas e un pouco de imaxinación, podemos preparar atractivos menús, evitando que acaben no cubo do lixo.
Adquire pilas recargables en lugar das convencionais.
Respecto das cousas que xa non usen os membros da unidade familiar, debemos procurar que alguén as reciba. Lembra que con moi pouco podes facer máis fácil a vida doutros.
Na oficina e centros educativos
Non desaproveites o papel. Usa sempre as dúas caras das follas e reutiliza as impresas por un lado para borradores, tarefas, comunicación informal, etc.
Dá preferencia aos materiais con recambio. É unha maneira eficaz de reducir, máis ecolóxica e económica que a utilización de materiais dun só uso.
Os papeis de imposible ou difícil reciclaxe (plastificados, encerados, …) só deberías empregalos cando non exista outra posibilidade menos impactante.
Usa papel reciclado sempre que poidas. Isto aumentará a súa demanda contribuíndo á súa maior produción e, en consecuencia, á preservación de recursos naturais.
Utiliza o teu propio vaso ou cunca e evita o uso de desbotables.