Seis colexios do termo municipal participan na actividade “Coñecendo ao Apalpador” que organiza a Concellería de Cultura e Ensino
O vello Apalpador, tamén chamado nalgunhas zonas Apalpabarrigas ou Pandegueiro, é unha figura lendaria galega que achega agasallos aos nenos e nenas durante o Nadal. Até os nosos días amósase coma un xigante que baixaba das devesas e apalpaba as barrigas dos pequenos e pequenas. Se estaban cheas dicía: “Así, así esteas todo o ano” e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba pero deixáballes tamén as castañas.
En vísperas do comezo do Nadal, a Concellería de Cultura e Ensino promove nestas datas un percorrido do Apalpador polos centros escolares do municipio. A actividade, que comezou esta semana en Centieiras e A Xunqueira, continuará nos próximos días nos colexios Os Casais (14 de decembro), Ceip Sillobre (15 de decembro), Jorge Juan (16 de decembro) e Ceip O Ramo (17 de decembro).
“Coñecendo ao Apalpador” é unha sesión de contacontos na que a través de Antón, os nenos/as feneses descubren esta figura galega. Ao final da sesión o propio Apalpador visita aos pequenos, repartindo caramelos, namentres soa música e cantigas tradicionais do Nadal.
Rematado o percorrido do Apalpador polos colexios de Fene, o ciclo de actividades culturais de Nadal que organiza a Concellería de Cultura e Ensino continuará o sábado 19 de decembro co tradicional certame de Panxoliñas, que se celebrará a partir das 20 horas no local do CCRD de Perlío. Tomarán parte o Tradicoro (Airiños de Fene), a coral polifónica de San Valentín, a coral Eterna Xuventude, a coral polifónica de Agarimo, a coral polifónica do Pote e as rondallas Estrelecer e Perla do Río.