O Concello da Pobra do Caramiñal efectuou o tradicional recoñecemento institucional que se lles fai por estas datas a García Martí, a Mariquiña e a Devoto Fantoni, persoas vencelladas ao ámbito cultural.
A concelleira da Cultura e das Relacións Institucionais, Patricia Lojo, e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, desprazáronse neste 31 de outubro ao cemiterio de Santa María a Antiga do Caramiñal para colocar unha coroa de flores no nicho onde descansan os restos do escritor Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade.
Deseguido, trasladáronse ata o camposanto de Santo Isidro de Posmarcos para depositaren un arranxo floral sobre a tumba de María de la Encarnación Beatriz Baltasara del Valle-Inclán Blanco, Mariquiña –nacida no pazo da Mercé e filla de Ramón del Valle-Inclán e Josefina Blanco-, e o seu marido, o novelista Daniel Jesús Devoto Fantoni.