Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Camariñas salda a súa débeda histórica cos represaliados da Guerra Civil


· Hoxe colocáronse dúas placas na súa honra na Ponte do Porto e en Camariñas.

· Sandra Insua explicou que “queremos lembrar ás vítimas do noso concello ás que lles arrebataron a vida por leitar por unha España diferente, de progreso e democracia”.

O Concello de Camariñas viviu hoxe, martes 31 de outubro, unha xornada moi emotiva na que, despois de moito tempo, saldou a súa débeda histórica cos veciños e veciñas do municipio que foron represaliados durante a Guerra Civil.

Celebráronse dous actos, un na Ponte do Porto e outro en Camariñas, que estiveron amenizados polo coro municipal ‘Brisas do Mar’ e nos que se instalaron placas en recordo destas persoas que foron asasinadas polo bando franquista. Participaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e outros membros da corporación, ademais de familiares das persoas homenaxeadas, outros veciños e veciñas do municipio, o alcalde de Muxía, Iago Toba, e o historiador galego pioneiro na restauración histórica, Luis Lamela García.

Na Ponte do Porto colocouse na rúa Outeiro, diante da casa de Mazaeda, na que viviu un dos sindicalistas da vila que correu mellor sorte que os seus compañeiros xa que logrou escapar a Cuba, zona na que estaban tamén os sindicatos de obreiros. Os recordados da vila porteña son: Andrés Celestino Balsas Vello, Pacifico Constante Campa Santos “Constante de Correa”, Ramón Carballo Tajes, Manuel Carracedo Balsa, Adolfo Antonio Grela e Antonio Santos “Castañiñas”.

En Camariñas foi nos xardíns da dársena, diante onde durante os anos anteriores á ditadura estivera o Liceo, unha sociedade para mariñeiros e obreiros. Os recordados serán Jacinto Campaña Martínez, Faustino Dios Vidal e Juan Fernández Moreira.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que repasou a historia de cada un dos homenaxeados, explicou que “queremos lembrar ás vítimas do noso concello ás que lles arrebataron a vida por leitar por unha España diferente, de progreso e democracia”. “A súa memoria non será esquecida. A súa loita, o seu compromiso coa liberdade, a súa valentía en tempos difíciles, todo iso vivirá nas nosas mentes e nos nosos corazóns”, afirmou.

“Son consciente de que este acto tiña que chegar antes. Asumo a parte de culpa que nos corresponde despois de 40 anos gobernando en Camariñas e pídovos desculpas de corazón. Comprométome a que, desde hoxe, cada día 31 de outubro, honraremos o recordo destas persoas. Non pode ser doutra forma”, anunciou.

Pola súa parte, María Rivas puxo en valor o esforzo do Goberno para loitar contra o esquecemento histórico, xa que “o olvido non é unha opción para mellorar a nosa democracia” e destacou a importancia da celebración deste tipo de actos, que constitúen “ un acto de reparación, xustiza e dignidade e que recoñece o compromiso coa liberdade e cos valores democráticos da veciñanza desta vila”.