O proxecto da Deputación ten entre as súas protagonistas á nedense Leticia Iglesias, promotora de “Na horta da avoa María” que participará no faladoiro
A Casa da Cultura de Neda acolle este sábado, a partir das 12 horas, a presentación do proxecto audiovisual “Mulleres emprendedoras do rural”. Trátase iniciativa da área de Igualdade da Deputación da Coruña, que ten entre as súas protagonistas a una veciña de Neda. Trátase de Leticia Iglesias quen, tras anos traballando por conta allea como técnica agrícola, daba o paso de converterse na súa propia xefa, botando a andar a súa propia empresa de venda de produtos de agricultura ecolóxica.
Durante o acto, no que participará o alcalde, Ángel Alvariño, proxectaranse a serie de cinco vídeos de aproximadamente tres minutos de duración cada un, que ten como obxectivo poñer cara e dar a coñecer a experiencia de mulleres emprendedoras da provincia da Coruña que poidan servir de referente nos seus respectivos sectores. O obxectivo non é outro que dar visibilidade ao seu traballo, e pór a súa aposta polo mundo rural.
A xerente de “Na horta da avoa María”, que comercializa agricultura ecolóxica dente a súa finca na ribeira de Santa María convértese nun deses exemplos e conta como é o seu labor, o seu día a día, ou os retos que tivo que afrontar para emprender no rural ata consolidar unha rede de clientes.
Carme Pampín (Touro), cofundadora de Galchimia, centro de excelencia para a investigación química; Sonia Ares (Rois), artesá traballadora de prata e vidro; María Fandiño (Curtis), enxeñeira industrial e gandeira; e Rocío Picado (A Baña), xerente do Fogar residencial e Centro de día Fogar de Ceilán completan o abano de “Mulleres emprendedoras do rural” que propón a Deputación.
E tras a proxección dos vídeos, haberá un tempo de coloquio, moderado pola concelleira de Igualdade, Ángeles Puentes, no que intervirá Iglesias. O proxecto activouse como parte da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), e a presentación está aberta a toda a veciñanza que desexe asistir.