Saturday 16 de November de 2024

O grupo socialista esixe claridade ao bipartito na súa postura sobre a regulación das vivendas de uso turístico


Mercedes Rosón explica que o goberno socialista deixou xa preparado un borrador da ordenanza para a súa regulación e acusa a Sanmartín de retrasar o debate

“A alcaldesa segue sen definir o seu modelo de cidade e sen aclarar que pensa facer coas VUTs, seguramente porque en campaña prometeu unha cousa e a contraria” afirmou.

O grupo socialista vén de esixirlle claridade ao bipartito na súa postura sobre a regulación das Vivendas de Uso Turístico (VUT) ante o retraso que denuncian no debate da ordenanza que regulará os seus usos. Unha denuncia que chega despois de que Goretti Sanmartín asegurase que non teñen aínda un borrador e que, como moito, ese debate comezaría a finais de ano. Algo que, segundo a edil socialista, amosa as contradicións da alcaldesa nesta cuestión: “porque prometeu en campaña unha cousa e a contraria”.

Mercedes Rosón acusa a Sanmartín de manter unha postura “ambigua” nos grandes temas da cidade durante os seus anos na oposición. Recorda a súa abstención na aprobación da modificación do PXOM para, precisamente, regular as VUTs; ou na operación Peleteiro. Unha actitude que insta a abandonar “porque a veciñanza espérase dunha alcaldesa decisión e valentía, non que lles diga a cada quen o que queren escoitar”.

Critica ademais que “cada día que seguimos sen saber nada da ordenanza” é “un día perdido para avanzar nun modelo de turismo sostible” e, sobre todo, “para mellorar a oferta de vivenda en alugueiro convencional”. A que fora responsable de Urbanismo durante o goberno socialista, critica que fronte a esta “indefinición”, “o resto son discursos baleiros e campañas de cartón pluma de turismo responsable” cando “o realmente preocupante é o que negocia -a alcaldesa- con uns e outros sen dar máis explicación”.