“Mouchos, curuxas, sapos e bruxas…” Esta é parte dun tradicional conxuro galego que ben se podería empregar para describi-la decoración que loce o CAD situado na Pobra do Caramiñal co motivo do Samaín.
Persoas usuarias do centro ocupacional traballaron arreo dende o mes de agosto para que o interior da instalación dispoña de tan elaborada ornamentación, pensada, en especial, para as crianzas do Servizo de Atención Temperá con photocall e xogos.
Jonathan Lijó, Adrián Escurís e Alicia Fernández explicaron a súa experiencia en todo este proceso e adiantaron que xa están preparando a decoración do Nadal.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, gabou o traballo realizado e fixo fincapé na “importancia de poñer en valor o labor e capacidades das persoas usuarias do CAD”, así como o persoal e voluntariado que potencia a súa creatividade, como, por exemplo, a animadora sociocultural Saray Pazos, quen coordina numerosas iniciativas para que a rapazada lle solte as rendas á súa imaxinación. Durante a intervención a edil agradeceu a colaboración de DS Smith Cartogal, empresa que doou o cartón empregado como base dos elementos decorativos.