Friday 22 de November de 2024

O BNG de Oleiros concorda co Goberno Local na necesaria e imperiosa necesidade da modificación do ROM de Oleiros


O portavoz municipal nacionalista acha imprescindíbel “que a cidadanía penetre até a cociña do órgano que representa a súa vontade, a vontade popular”

O BNG proporá que se regule o proceso participativo, a través da iniciativa popular, do dereito a intervir nos plenos do tecido asociativo, da quenda de rogos e preguntas para o público asistente e das consultas populares

O pasado xoves presenciamos como o Alcalde negaba aos partidos da oposición, sen motivación algunha, a súa intervención no pleno a través dos rogos e preguntas que, por outra banda, o BNG de Oleiros xa presenta de vello por escrito e con antelación de varios días ou semanas para posibilitar un estudo acaído e polo miúdo das propostas nacionalistas por parte do Goberno local e na única procura do ben da cidadanía. “Non ansiamos medallas, nin queremos sorprender ou “pillar” a ninguén, só queremos achegarmos propostas construtivas e sempre en positivo”. Manexamos o mesmo sistema coas mocións e resto de propostas ou asuntos que levamos ao pleno, sempre na busca da maior transparencia e para un coñecemento óptimo do resto de grupos do Pleno. A agrupación oleirense do BNG considera que é un xeito máis acaído de levar a cabo o traballo municipal, mais iso non impide que consideremos inexplicábel a decisión de anular os rogos e preguntas, xa que o Alcalde de Oleiros, vulnerando o ROM e as normas de bases do réxime local, negou esta posibilidade aos representantes populares e lexítimos do Pobo de Oleiros.

Porén, e seguindo con esa visión en positivo e sempre construtiva no beneficio continuo da cidadanía, e facendo da necesidade virtude, apoiamos unha reforma do ROM, mais non para limitar nin restrinxir, senón para facermos un Concello punteiro e cunha democracia directa e popular. Queremos levar a rúa á Casa Charry, pola porta grande. Así pois, presentaremos varias medidas na procura desta finalidade básica da democracia:

-As entidades cidadás debidamente rexistradas no Concello poderán solicitar a
incorporación dunha proposición na orde do día da seguinte sesión ordinaria do Pleno,
sempre que sexa de competencia do devandito órgano.
-Os representantes legais das entidades cidadás debidamente rexistradas no Concello poderán asistir ás Comisións Informativas, convocadas pola Presidencia, ou a petición das mesmas, para dar a súa opinión sobre temas concretos de competencia da devandita Comisión.
-Toda persoa natural ou xurídica pode solicitar que se lle permita intervir nos plenos ordinarios do Concello mediante a institución dos rogos e preguntas. As solicitudes de intervención cómpre que sexan rexistradas con catro días de antelación á data na que teña lugar o Pleno, e detallará o asunto a tratar, que deberá ser de competencia municipal, sen que poda versar sobre procedementos que xa foran respondidos previamente.
-A Alcaldía, de conformidade coa lexislación estatal e autonómica, cando esta teña competencia estatutariamente atribuída para isto, previo acordo por maioría absoluta do Pleno e previo visto e prace do Goberno, poderá someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia propia municipal que sexan de especial relevancia para os intereses da veciñanza, con excepción dos relativos á Facenda local que contrán cun procedemento específico.

-Cando o interese local así o acredite, a Alcaldía, de oficio ou a proposta do Pleno, dun terzo dos membros da Corporación o dun grupo de cidadáns ou cidadás poderá demandar a opinión da cidadanía, sobre actuacións ou políticas públicas de competencia municipal.

Isto non debería ser máis ca a punta do iceberg da máis que necesaria e xustificada abertura do Concello á cidadanía, nomeadamente no Pleno, máximo órgano de representación popular e casa común do Pobo oleirense.