Friday 22 de November de 2024

Acometidas tarefas de mantemento na escola unitaria da Granxa


Atendendo ás necesidades presentadas polas escolas unitarias da Pobra do Caramiñal, a brigada municipal dos colexios desenvolveu durante o verán unha serie de labores de mantemento e mellora cara o inicio do curso escolar 2023-2024. Nesta folla de ruta estaba presente A Granxa que loce xa a aula renovada.

Carlos Abuín, coordinador da brigada dos colexios, explica que a intervención consistiu no pintado do interior da aula, colocación de tarima, revisión da instalación eléctrica e cambio a luminarias LED e revisión da fontanería, baños e canelóns.

A estas tarefas hai que sumar proximamente o cambio das fiestras e da porta para a mellora da eficiencia enerxética da instalación, ademais da substitución do peche perimetral do recinto, por un importe total preto dos 20.000 euros, segundo avanza a concelleira do Ensino, Amparo Cerecedo, quen destaca a importancia do referido equipo creado no anterior mandato para dar resposta ás demandas de competencia municipal nos centros educativos.

A dita contía económica enmárcase nos 65.000 euros con cargo ao remanente da Tesouraría para arranxos e actividades lúdicas en centros de ensino; cifra á que en vindeiras datas se engadirán outros 55.000 euros, tal e como avanza a edil.

Cerecedo tamén indica que por parte da Concellaría dos Servizos Sociais se convocaron novamente as axudas para a escolarización destinadas a familias en condicións económicas e sociais desfavorables. O orzamento dedicado para estas achegas situouse nos 11.000 euros para contribuír a sufraga-los gastos de adquisición de material escolar e os gastos de comedor, do cal se benefician 30 crianzas.