Friday 22 de November de 2024

Medio cento de agricultoras e gandeiras do Encontro Estatal de Mulleres de CERES visitan o coworking de Brión como exemplo de venda directa de produtos de proximidade


O coworking de Brión vén de recibir a visita de medio cento de agricultoras e gandeiras de toda España que tomaron parte no “Encontro Estatal de Mulleres: campesiñas participando para transformar as políticas publicas”, organizado pola Confederación de Asociacións de Mulleres do Mundo Rural CERES en Santiago. Un espazo colaborativo orientado ao envasado e venda directa de produtos de proximidade da veciñanza posto en marcha polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela.

As asistentes eran agricultoras e gandeiras integrantes de organizacións de todo o Estado, en especial de comunidades como Andalucía, Castela e León, A Rioxa, Aragón, Canarias e, sobre todo, Galicia. A presidenta da asociación Daquí Darredor, Carme Freira, foi a encargada de explicarlles tanto os distintos cursos formativos que se organizan nesas instalacións como de ensinarlles as cociñas e o equipamento dispoñible para que cada produtor e produtora poida elaborar o seu produto coas maiores garantías sanitarias e vendelos directamente a particulares, empresa, colexios…

O espazo colaborativo brionés conta na actualidade con 120 persoas asociadas, na súa maioría de Brión e municipios veciños, pero tamén doutras comarcas como Santiago, Barbanza, Terra de Soneira e incluso Vigo.