Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno adxudica o alumeado de Nadal


A Xunta de Goberno Local celebrada este luns adxudicou o contrato do alumeado de Nadal deste ano a ILUMINACIONES SANTIAGUESAS SL por un importe de preto de 215.000 euros. Tamén deu o visto bo á recepción das obras de pavimentación dos viarios de varias zonas do rural compostelán e adxudicou o contrato de subministración e implantación de 20 sistemas de alimentación ininterrumpida (SAIs) para protexer os equipamentos máis críticos da administración electrónica do Concello de Santiago. De todos estes asuntos deu conta a alcaldesa Goretti Sanmartín en rolda de prensa.

A alcaldesa anunciou esta mañá que o contrato de luces de Nadal foi adxudicado este ano á empresa Iluminaciones Santiaguesas por un importe de 214.775,00 € (base impoñible de 177.500,00 € máis IVE do 21% de 37.275,00 €), o que permitirá que “desde principios de decembro estean as luces instaladas na cidade”.

A empresa adxudicataria encargarase da proposta técnico-artística, subministración, instalación, posta en funcionamento, mantemento e posterior retirada dos elementos decorativos de alumeado para este Nadal que lucirá nas zonas tradicionais da cidade e nos principais barrios e vías de entrada da zona urbana. A relación das localizacións divídese en catro ámbitos: rúas e prazas da cidade histórica; rúas e prazas do Ensanche; barrios, entradas da cidade e parroquias de Santiago; e edificios municipais e enclaves singulares. Entre estes últimos salientan a praza de Galicia, praza Roxa, Alameda, Xoán Carlos I, As Cancelas, praza do Obradoiro, Porta da Pena, Salvador Parga e as rotondas de acceso á cidade.

A iluminación estará en funcionamento ata o 6 de xaneiro de 2024, co seguinte horario de acendido: desde as 18 h ata as 2 horas e de 7 a 9 horas, agás os días 24, 25 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, nos que a iluminación permanecerá acendida desde as 18 horas ata as 9 horas do dia seguinte.

O Concello de Santiago promoveu este ano un procedemento aberto baixo criterios de sustentabilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo e alto valor estético. A proposta tamén busca unha instalación lumínica con personalidade propia en liña coa identidade da cidade, que permita a optimización dos recursos e a redistribución dos mesmos por todo o territorio municipal.

Contratación

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á adxudicación do contrato de subministración e implantación de 20 sistemas de alimentación ininterrumpida (SAIs) para protexer a electrónica departamental e os equipamentos máis críticos da administración electrónica do Concello de Santiago á empresa GRUMAR TRADING SL, por un importe total de 24.175,80 € (base impoñible de 19.980,00 € máis IVE do 21% de 4.195,80 €). Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80% sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.

O executivo municipal tamén autorizou o inicio de trámites para proceder á recepción das obras de rehabilitación de firmes das rúas Alfredo Brañas, Santiago de Chile, Canteiras do Sar, dos Forniños, de Amio, da Carballa, de Seoane, Combarro, de Diego Bernal, do Pino, de Mallou de Abaixo e travesas da Estrada e do Combarro, correspondentes ao ano 2022. Tamén se recepcionarán as obras de pavimentación de viarios de acceso en Carlexo e A Gruñán (Villestro) e Outenín (Laraño) e dos viarios secundarios en Verdia, Marantes, A Gracia, Marrozos, Sabugueira, Villestro, A Curuxeira e Arins, ambas no marco do POS+2021.

Outros asuntos

O Goberno municipal tamén deu luz verde á solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña por valor de 10.000 euros para o mantemento da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela durante o ano 2024.