Thursday 21 de November de 2024

As bibliotecas de Betanzos e Cenlle reciben o premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2023


— Os proxectos galardoados afondan na capacidade de crear alianzas estratéxicas, así como no impulso de actividades para a implicación da comunidade educativa

— Entrégase no marco da Xornada de Bibliotecas Públicas que inclúe conferencias, obradoiros e mesas redondas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2023 no marco da 5ª Xornada de Bibliotecas Públicas, celebrada na Cidade da Cultura. Nesta edición foron recoñecidos os proxectos da Biblioteca Municipal Alfonso Castelao de Betanzos por Boa práctica Club de lectura da historia de Betanzos (na categoría de entidades locais con máis de 10.000 habitantes) e a Biblioteca Municipal de Cenlle pola iniciativa Colaborando co cole: biblioteca para tod@s (entidade local cunha poboación de ata 10.000 habitantes).
En concreto, no caso de Betanzos, valorouse a capacidade de innovación da biblioteca a través dun proxecto baseado en crear alianzas estratéxicas, empregar mediadores e tecer redes de colaboración con entidades sociais. “A través dunha actividade aparentemente tradicional como é un club de lectura, reoriéntase a novos destinatarios que xeralmente nin participan nin teñen posibilidade de participar en iniciativas culturais”, sinalou o director xeral de Cultura.
En canto a Cenlle, o xurado tivo en conta a capacidade amosada para impulsar e dinamizar a apertura deste centro bibliotecario, deseñando un conxunto de actividades organizado, estruturado e coherente de cara á posta en funcionamento deste servizo, que lle permitiu obter un gran éxito de público nos primeiros meses desde a apertura. A comisión tamén valorou positivamente a dimensión social deste proxecto e a implicación da comunidade educativa.
Xornada para concellos
Coincidindo coa Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que se desenvolveu no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia entregou estes premios para poñer en valor o labor destas entidades a prol da cultura. Baixo o título Fondo local. Memoria e identidade, a xornada centrou a ollada na importancia dos fondos locais e na achega deste servizo a todas as localidades galegas. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo agradeceu a todas as bibliotecas o “gran traballo que realizan e o seu interese por incrementar a calidade do servizo prestado”, poñendo o foco, ademais, no servizo de biblioteca móbil A Furgoteca polo “seu bo funcionamento, que desde a súa posta en marcha atendeu a preto de 9.000 persoas dunha vintena de concellos do rural de Lugo e Ourense”.
Durante o foro de encontro e debate, A furgoteca tamén foi protagonista como instrumento para levar a cultura e o libro a aqueles lugares nos que non hai bibliotecas. Ademais, os participantes somerxéronse no papel das bibliotecas como espazos de construción da memoria colectiva; estudaron como mellorar e aproveitar estes fondos coa creación de coleccións, difusión e investigación, así como as formas de levar á cidadanía proxectos de recollida de experiencias e participación para recuperar a memoria local.
Obradoiros sobre memoria e identidade
A Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia completa o seu programa pola tarde coa realización de tres obradoiros sobre fondo local, memoria e identidade para valorar e dixitalizar o fondo patrimonial e coñecer estratexias para detectar e incrementar estes arquivos. A organización tamén pon sobre a mesa o funcionamento do proxecto Cóntame Ferrol sobre a creación de mapas virtuais.