Saturday 16 de November de 2024

O outono da Pobra vivirá a sétima edición das Xornadas Micolóxicas


Os cogomelos volverán converterse nos grandes protagonistas do outono da Pobra do Caramiñal coas Xornadas Micolóxicas. Esta sétima convocatoria pon o foco na comunidade educativa para achegarlle coñecementos básicos sobre a rama da bioloxía que estuda os fungos segundo deron a coñece-lo concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, e a técnica municipal desta área, Beatriz González.

Neste senso, o edil afirma que a programación “aglutina a divulgación, o aproveitamento de recursos naturais, o consumo de produto de tempada e a posta en valor de territorios con potencial micolóxico.”

O mes de novembro arrancará coa exposición das imaxes galardoadas en tódalas convocatorias do concurso fotográfico de micoloxía, incluída a deste ano que repartirá un total de 750 euros en premios baixo o formato de vales de compra para trocar no comercio local, cuxo prazo de participación xa pechou na noite do 29 de outubro. As instantáneas exhibiranse no CEP Salustiano Rey Eiras e no CEP Pilar Maestú Sierra.

Ademais, alumnado da primaria recibirá nocións micófilas a través duns obradoiros no dito colexio de Bandaseca, no martes 7, e no de Cadreche, que será no xoves 9.

Dirixida ao público en xeral, no mércores 8, ás 20.30 horas, impartirase a charla Introdución á micoloxía, no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

Os relatorios continuarán no venres 10, ás 20.30 horas, no dito auditorio con O xénero Amanita, da man de Mónica Saavedra, micóloga de ampla traxectoria.

Un ano máis apóstase polo obradoiro familiar Os cogomelos como recurso ambiental e pedagóxico que transcorrerá no sábado 11, de 16.00 a 19.00 horas, na carballeira da Silva. Está orientado a crianzas ata 12 anos, que deberán estar acompañadas dunha persoa adulta. Se chove, realizarase no centro sociocultural do Vilariño.

E, para finalizar, no domingo 12 concéntranse as xa tradicionais propostas. Haberá unha saída ao campo dende o cruzamento da subida ós Forcados, ás 10.00 horas. O traslado efectuarase en vehículos particulares. Posteriormente, das 13.00 horas en diante, a acción desprazarase ao mercado municipal coa mostra de cogomelos e a entrega de premios do VII Concurso Fotográfico de Micoloxía para xa, no momento do xantar, asistir á degustación gastronómica a cargo de Gastrolab Arousa, ás 14.00 horas, con preferencia das participantes na excursión.

Tódalas actividades son de balde e unicamente requiren inscrición previa o obradoiro familiar, a saída ao campo e a degustación a través do enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com.