Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ribeira disporá dun novo aparcadoiro en Fafián


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, a concelleira de Servizos Municipais, Tania Redondo, e o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez Puerta visitaron hoxe as obras de acondicionamento do novo aparcadoiro gratuíto en Fafián, ao lado do cemiterio municipal.

O parcela abrangue 5.800 metros cadrados, a máis grande habilitada até o de agora, e terá iluminación e un pavimento de grava grosa que evitará a acumulación de auga nos día de choiva ou de pó nos días secos. “Nunha primeira fase e co propósito de acondicionar o aparcadoiro para Defuntos habilitaranse unhas 250 prazas para que a veciñanza poida estacionar preto do cemiterio pero nunha fase posterior poderá chegar ás 1.000 prazas” explicou o alcalde Luís Pérez. Así mesmo destacou que dende o Concello estase a facer un esforzo para acondicionar máis aparcadoiros gratuítos en Ribeira e “para municipalizar o aparcadoiro do Centenario, que terá unhas tarifas moi reducidas”.

A concelleira Tania Redondo, agradeceu aos traballadores o seu esforzo para acondicionar as prazas “que estarán dispoñibles desde mañá mesmo para que a veciñanza poida usalas no día de Defuntos e no día de Todos os Santos.”