Saturday 16 de November de 2024

Increméntanse os servizos que lles ofrece A Pobra a persoas en situación de vulnerabilidade con Enraizando


A Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal incrementa os servizos dirixidos á comunidade. En 2021 iniciouse un programa coa cooperativa Enraizando focalizado no acompañamento individual e familiar a persoas en situación de vulnerabilidade que, dende o mes de setembro, amplía o número de horas de atención e persoal grazas ao outorgamento dunha subvención por parte da Deputación da Coruña.

Aos educadores sociais incorpóraselles unha psicóloga sanitaria, Laura Lago, quen realizará un acompañamento emocional e accións cun carácter psicoterapéutico como, por exemplo, grupos de apoio a través do ioga, pois tamén é instrutora desta disciplina.

A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, valora moi positivamente este programa do que destaca que “é moi apegado á rúa, vivo e que responde ás necesidades que cada persoa poida ter.” O obxectivo é lograr unha integración real das persoas en situación de vulnerabilidade mediante unha atención psicosocial e apoio para contribuír a que poidan cubri-las súas necesidades no seu propio contorno e contexto, evitando así situacións de illamento ou marxinación. Cóntase así cun itinerario deseñado especificamente para cada situación, para cada persoa e que se desenvolve no seu medio máis achegado.

Máis información no teléfono de contacto do Departamento dos Servizos Sociais: 981832764.