Coa entrega dos premios Curuxa do Humor 2023, o Museo do Humor Xaquín Marín dá o pistoletazo de saída este venres, 3 de novembro, ás actividades que organiza anualmente ao redor do seu aniversario. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura, os debuxantes Borja Ramón López Cotelo (coñecido artísticamente como “El primo Ramón”), Iván Mouronte Barreiro e Lucía Rodríguez Cid recibirán da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, os diplomas que os acreditan como gañadores do certame este ano. Unha hora antes, ás 19 horas, representantes da Corporación Municipal de Fene recibirán aos autores premiados na sala de exposicións temporais do museo onde se amosarán, até finais do mes de novembro, os debuxos premiados e unha selección das obras que se presentaron este ano ao certame.
O xurado do XXVII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 5 dexullo nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín, acordou por maioría outorgar o 1º Premio Curuxa á obra titulada “Turistificación” de Borja Ramón López Cotelo, “El primo Ramón”. Asemade, nomeou finalista, con diploma pero sen dotación económica, ao traballo presentado por Manuel Arriaga de León, co título “A atención primaria”. E outorgou unha mención especial a Carles Ponsí Dalfó pola obra “Dejar de ser”.
Na categoría “Caricatura”, de nova creación, o primeiro premio recaeu nesta edición en Iván Mouronte Barreiro por unha caricatura do popular presentador da TVG José Ramón Gayoso. Ademais, Iván Mata Tamayo resultou finalista e Asier Sanz Nieto acadou unha mención de honra por senllas caricaturas do rei “Carlos III”.
Por último, na categoría “Curuxa Nova”, para autores/as noveis, a gañadora do primeiropremio foi Lucía Rodríguez Cid, polo debuxo “Pesca de baixura”, e Adrián Jamardo Fernández resultou finalista coa obra “Peregrinaxe hostil”.
Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios para os/as gañadores/as dos Premios Curuxa consistirán nun diploma e nunha gratificación económica que ascende a 2500 € para o gañador do primeiro premio Curuxa, 1500 € para o gañador na categoría de Caricatura e 1000 € para a gañadora do primeiro premio Curuxa Nova .
O xurado dos Premios Curuxa 2023 estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, polos debuxantes Santy Gutiérrez, Manuel Alejandro Vázquez Búa (gañador do 2º premio Curuxa 2022) e Pedro Bouza Bernárdez (gañador do 1º premio Curuxa Nova 2022) e pola coordinadora do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos, que actuou en calidade de secretaria do certame).
NOVEMBRO, MES DO HUMOR
O acto de entrega dos Premios Curuxa 2023 coincidirá este venres, 3 de novembro, co comezo do ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor” que inclúe, como en edicións anteriores, catro espectáculos para público adulto, os venres do mes de novembro ás 20.00 horas. A entrada, tanto para a entrega dos Premios Curuxa como os monólogos, será de balde, previa recollida de invitacións (até un máximo de dúas por persoa) cada venres, o mesmo día de cada función, a partir das 19 horas. Aforo limitado.
A primeira actuación do “Novembro, mes do humor” correrá a cargo do monologuista DavidPerdomo cun espectáculo titulado “Level UP”. Na segunda sesión, prevista para o venres 10
de novembro, actuará o humorista Oswaldo Digón, presentando “Ansia viva” e na terceira, o17 de novembro, subirá ao escenario da Casa da Cultura de Fene ISI con “Ponte con monadas”. O ciclo pechará o venres 24 de novembro cun monólogo a cargo de Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, titulado “Restricións”.