Friday 22 de November de 2024

O Concello completa a renovación de máis de 10.000 metros cadrados de firme na estrada que conecta Bens co límite municipal con Arteixo


Os traballos, que se levaron a cabo co obxectivo de mellorar a seguridade viaira, executáronse no treito que parte desde a cala cara ao núcleo poboacional de Suevos, onde é habitual o tránsito de vehículos pesados

O Concello da Coruña completou esta semana os traballos de pavimentación na estrada de Bens, unha intervención que se centrou no treito que vai desde a cala ao límite municipal con Arteixo.

Os traballos, promovidos pola Área de Economía e Planificación Urbana a través do servizo municipal de Infraestruturas, comezaron en xullo e leváronse a cabo co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dun percorrido no que, pola proximidade dos polígonos, das naves industriais e o núcleo poboacional de Suevos, é moi habitual o tránsito de vehículos con carga pesada.

Como paso previo ao inicio das obras, o Goberno municipal deu luz verde á aprobación do trámite de expropiación desta vía, previsto no PXOM. Este paso certificouse na Xunta de Goberno Local en marzo do ano pasado, cando o Concello tomou esta decisión para dar resposta a unha solicitude da veciñanza e das persoas usuarias de dita estrada. Superado este trámite e, xa a continuación, este treito da estrada de Bens foi incorporado ao viario público municipal, polo que en xullo deste ano xa foi posible comezar os traballos para acometer a súa reparación.

Neste sentido, o Concello levou a cabo un investimento de 350.000 euros para renovar unha superficie total de 10.276 metros cadrados de firme, repartidos en dous treitos: desde a cala de Bens ao acceso a Nostián (3.702 metros cadrados) e desde Nostián ata o punto final do termo municipal (6.573 metros cadrados), nas inmediacións do acceso a Conteco.

Desta forma, o Concello completa a segunda fase dos traballos de pavimentación previstos nas inmediacións de Bens. A primeira fase culminouse en maio de 2022, cando o Concello renovou máis de 17.000 metros cadrados de superficie na estrada que parte da cala de Bens cara á avenida de Fisterra, bordeando núcleos poboacionais como Bens, pero tamén Mazaído, A Comeanda e A Moura.

Continuidade ao plan de melloras no núcleo de Bens e a súa contornaEsta actuación vén sumarse és melloras executadas polo Goberno de Inés Rey tanto no núcleo poboacional de Bens como na súa contorna.

Neste sentido, xa están na súa recta final as obras de renovación da rede de saneamento de augas residuais, así como as de instalación da rede de recollida de augas pluviais e a pavimentación da calzada nas rúas do propio núcleo de Bens, traballos que comezaron en maio do ano pasado e que supuxeron un investimento de 750.000 euros.