O evento musical para profesionais arrincou este mércores e finalizará mañá cunha entrega de premios
WOMEX, o encontro musical para profesionais máis importante e recoñecido no mundo, chega a última xornada cun gran éxito de participación na feira e tamén nos concertos que se deron en diversas localizacións da Coruña. A cidade acolleu desde este mércores actividades relacionadas co mundo da música e da cultura reunindo a preto de 5.000 persoas.
O Palexco, o Palacio da Ópera, o Parrote, o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, a Sala Pelícano, o Playa Club e a Filmoteca de Galicia foron os espazos nos que, durante catro xornadas, artistas nacionais e internacionais ofreceron un total de 53 espectáculos musicais e tres audiovisuais.
Mañá, domingo, WOMEX despedirase da Coruña cunha entrega de premios que se celebrará de 10:00 a 12:00 horas no Teatro Colón. ‘On the Move’ recibirá o Premio á Excelencia Profesional e BCUC o galardón ao artista WOMEX23.
Éxito de participación na propia feira e nos concertos privados
Ao redor de 5.000 persoas percorreron desde este xoves os máis de 250 postos situados no Palexco para coñecer as diferentes músicas do mundo pero, sobre todo, para establecer conexións e vínculos.
Esta feira internacional é o exemplo perfecto dun evento que destaca polo networking e a creación de vínculos. Músicos, produtores ou persoal que traballa en discográficas son só algúns dos profesionais de máis de 90 países que visitaronn estes días a feira para establecer relacións a nivel laboral.