Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia outorga novas mencións de excelencia a tres másteres universitarios


– Os recoñecementos desta cuarta edición son os másteres en Enxeñería Química e Bioprocesos pola USC; Química Orgánica pola USC, UAM e UCM, e Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental pola UDC

– Son unha ducia as titulacións con este recoñecemento que acredita a súa calidade a nivel científico, técnico e formativo

A Xunta de Galicia vén de outorgar tres novas mencións de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polo Sistema Universitario de Galicia, unha iniciativa que chega así á súa cuarta edición.

As titulacións que logran a mención de excelencia son o másteres en Enxeñería Química e Bioprocesos (Campus Santiago) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); en Química Orgánica (Campus Santiago) tamén da USC, a Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e a Universidade Complutense de Madrid (UCM) e en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental (Campus Coruña) da Universidade da Coruña (UDC).

Xa son 12 as titulacións que contan con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa, un selo implantado hai tres anos. As primeiras titulacións que obtiveron o recoñecemento foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, ambos da UDC, así como o de Enxeñería Ambiental da USC. Tamén recibiron esta mención en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo), en Matemática Industrial (impartido entre USC, UDC e UVigo), en Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) e en Produción Xornalística e Audiovisual (da UDC).

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver iniciativas de apoio ao sistema universitario e con esta distinción pretende favorecer a posta en marcha de medidas de mellora da calidade na oferta de másteres universitarios, nunha aposta polo futuro da nosa Comunidade, de cara a satisfacer a necesidade de formación especializada que vén requirindo o noso contorno socioeconómico.
Novo selo para graos
Ademais, cómpre lembrar que o Goberno galego vén de poñer en marcha un novo selo de excelencia docente de grao universitario, co obxectivo de recoñecer e acreditar a calidade académica destes estudos do Sistema Universitario Galego. As universidades teñen ata o 11 de decembro para presentar as solicitudes a este selo.