Non existen nin iluminación nin espazos de paso para peóns a pesar do tráfico de vehículos a centros educativos e deportivos
O concello aprobou un plan para a Universidade Laboral hai máis de 10 anos, pero non se acometeu ningunha acción
O parque deportivo de Acea de Ama acolle varios centros educativos –IES Rego de Trabe, IES Blanco Amor e IES Universidade Laboral– e un centro deportivo na súa contorna e a súa actividade xera gran volume de tráfico rodado. A cantidade de accesos e zonas de estacionamento para coches non se corresponde para nada coa cantidade de zonas habilitadas para a circulación de peóns, que non existen nin contan con iluminación abonda para garantir unha seguridade mínima en momentos de visibilidade deficiente.
O BNG proporá, no pleno deste mes de outubro, que sexa executado o plan especial para o recinto da Universidade Laboral e se reserven os fondos suficientes para poder acometer as reformas necesarias, a través dunha emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2024.
Ese plan especial foi aprobado polo concello de Culleredo xa en 2012 –hai máis de dez anos–. Trátase dun plan de intervención viaria para esta zona, incluído no “Plan Especial no ámbito da Universidade Laboral do Burgo PE-3”, proposto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza.
Centos de estudantes cruzan os accesos cada día para asistir ás súas clases, mais en inverno, con menos horas de luz e condicións meteorolóxicas adversas, a visibilidade redúcese. Sumando isto á insuficiencia de beirarrúas ou carrís peonís, a seguridade viaria é moi deficiente na zona.