A segunda edición de Rebel Wines Fest atraerá ao mercado de San Agustín a máis de 35 bodegas e 200 marcas
O mercado de San Agustín acollerá a próxima fin de semana, sábado 4 e domingo 5 de novembro, a segunda edición de Rebel Wines Fest, o único festival de viños naturais de Galicia. Esta iniciativa, que conta co apoio do Concello da Coruña, contará coa presenza de máis de 35 bodegas de Galicia, España, Portugal e Grecia e 200 viños. O Goberno de Inés Rey aposta pola dinamización dos seus mercados con iniciativas singulares que se realizan durante todo o ano.
O festival caracterízase por seleccionar bodegas referentes de impacto positivo, persoas que elaboran os seus viños coa mínima intervención e o máximo respecto pola natureza e recuperan variedades e procesos artesanais promovendo a biodiversidade. Durante dúas xornadas as persoas visitantes poderán visitar as bodegas, probar os seus viños, descubrir diferentes propostas gastronómicas deseñadas por establecementos coruñeses para a ocasión e gozar de actividades de ocio como charlas, mesas redondas, catas de viño, música… Como novidade, este ano farase a primeira entrega dos premios Rebel para bodegas, restaurantes e consumidores finais.
As entradas xa están á venda a través de Entradium. Hai dúas modalidades, unha que dá acceso á zona de bodegas, cun prezo de 25 euros e que permite asistir os dous días; e outra para levar a cabo catas, que inclúe dúas catas específicas de viños e unha cata doutros fermentados, cun prezo de 25 euros. As entradas de billeteira terán un custo de 30 euros.
Algunhas das adegas confirmadas para esta edición son: Corisca, Constantina Sotelo, Verónica Romero, Adega do Vimbio, Mission, Pasamayo, Tomás Torresano, Finca Parera, Super Nat, Clandevino, Xangall, Alecrín, Passo de Gigante, Sexto Elemento, Vintopía, Puerta del Viento, Vinyologia Canor, Aristu, Lagar do Vento, Sernande, Hontza, Marzatak, Cal Teixidor, La Cerrada, Milénico, Vinos Ambiz, Bodega Toral, Nomad, Tiro al blanco ou Torremilanos.