O Concello expresa o orgullo de escollido como exemplo de boas prácticas municipais nesa materia.
A directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao, foi unha das ponentes na xornada divulgativa dirixida ao fortalecemento das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero que se celebrou na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela baixo a organización da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. O obxectivo do evento foi reforzar ese instrumento para canalizar os esforzos e recursos das distintas institucións de cara á prevención da violencia de xénero.
A Laracha foi elixida polo traballo das citadas Mesas Locais, que no Concello veñen celebrándose con carácter trimestral desde hai máis dunha década, participando nelas, ademais dos representantes das administracións públicas, profesionais dos centros de ensino, do centro médico da Laracha, da Garda Civil e da Policía Local.
Ana Aldao tamén explicou no evento ás persoas representantes dos CIM doutros municipios galegos en que consistiu a colaboración da Laracha coa Secretaría Xeral de Igualdade no procedemento de deseño da Caixa de Ferramentas, detallando as utilidades que ofrece este recurso que a Xunta pon a disposición dos Concellos para o desempeño desas tarefas.
Durante a xornada tamén se celebrou unha mesa redonda sobre os servizos e programas de prevención e atención na abordaxe da violencia de xénero, e concluíu cun coloquio para o intercambio de ideas e propostas entre os asistentes.
O Concello mostra o orgullo de escollido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade como exemplo de boas prácticas en materia de prevención da violencia de xénero e, unha vez máis, agradece a todos os profesionais presentes e representados nas Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional sobre esta materia.