Hoxe celebrouse en María Pita a primeira das reunións da mesa de traballo entre o Concello e o Consorcio das Mariñas para a coordinación de accións de cara á definición do próximo concurso para a xestión da pranta de tratamento de residuos de Nostián.
No encontro participaron por parte do Concello da Coruña o portavoz municipal e concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, ademais de persoal técnico. Por parte do Consorcio acudiron o seu presidente, José Antonio Santiso, e a súa vicepresidenta, María Barral, tamén acompañados por persoal técnico.
O Goberno municipal coruñés avanzou que ten previsto resolver antes de que remate o ano as alegacións presentadas ao anteproxecto, e introducir melloras de cara a perfeccionar os documentos técnicos da licitación da pranta. O Concello da Coruña mantén aberta a porta a unha posible colaboración con Sogama despois da primeira xuntanza celebrada no mes de setembro entre o goberno municipal e o Goberno de Galicia para abordar diferentes temáticas.
O concello incorporou así ao Consorcio das Mariñas á Mesa de Traballo, con persoal técnico e tamén cos representantes designados polo organismo comarcal. Dende o goberno municipal salientaron que nas vindeiras semanas haberá máis xuntanzas onde se estudiarán tódalas aportacións que achegue o Consorcio, “que non só é tratado como un cliente da Planta senón como un socio preferente do concello da Coruña.” Na reunión constatouse a vontade de ambas as dúas institución de camiñar xuntas, definindo ben os procesos ata chegar a pechar o documento definitivo para a licitación da pranta.