O pleno municipal aprobou un orzamento de 43,8 millóns de euros para 2024, cinco puntos e medio superior ao do ano precedente, que se situaba nos 41,5. As variacións máis significativas corresponden aos capítulos de gastos correntes, impulsados polos novos contratos e prestacións de servizos, especialmente os relacionados con limpeza viaria, o mantemento de zonas verdes e o servizo de axuda no fogar para persoas maiores e dependentes que o precisan.
Os investimentos reais increméntanse 1,2 puntos, motivados polo inicio das obras do edificio multiusos de Bastiagueiro, unha infraestrutura para congresos e espectáculos que se considera do máximo interese para o fomento da cultura e o deporte local, así como para o desenvolvemento da economía de turismo e servizos do municipio. Neste capítulo sobresaen tamén múltiples obras que teñen relación coa infraestrutura de ordenación territorial como urbanizacións, pavimentacións, infraestrutura peonil, sumidoiros e pluviais, rede de abastecemento de auga, eficiencia enerxética de edificios e iluminación pública, parques infantís e zonas verdes e instalacións deportivas.
O incremento previsto nos ingresos municipais non se debe a unha subida de impostos, senón a unha xestión rigorosa nos cobros e ao aumento da veciñanza e da actividade edificatoria, o que achega maiores recursos ás arcas municipais. Tamén se incrementan os ingresos procedentes dos xuros que proporciona a liquidez que a institución local ten en depósitos bancarios. Eses fondos achegan case medio millón de euros ao Concello.
O pleno municipal, a proposta do Goberno municipal de Alternativa dos Veciños e co apoio do BNG, tamén aprobou un manifesto de condena da ocupación, xenocidio e limpeza étnica que o Estado de Israel está a levar a cabo en Palestina.