A iniciativa do Concello de Carballo para poñer a disposición da veciñanza as plantas de temporada que se retiran dos xardíns resultou todo un éxito, e ao longo da mañá mesmo houbo momentos de aglomeración arredor do posto instalado na entrada do mercado municipal pola rúa Gran Vía. En menos de tres horas repartíronse 220 macetas con begonias e alegrías, que tiveron moi boa aceptación.
Por segundo ano consecutivo, desde o Concello de Carballo optamos por repartir entre a veciñanza as plantas de temporada retiradas dos xardíns en lugar de envialas para a súa compostaxe. As begonias e as alegrías non sobrevivirían ao inverno nas zonas verdes, pero en zonas abrigadas, ou mesmo no interior das vivendas sempre que reciban a luz que precisan, poden soportar a estación e volver florecer a próxima primavera.
As concelleiras Maruxa Suárez e Maica Ures participaron no reparto xunto co persoal da brigada municipal de xardíns. A iniciativa foi moi ben acollida pola veciñanza, que valorou de xeito moi positivo a posibilidade de outorgar unha nova vida ás plantas.