Saturday 16 de November de 2024

O Concello aproba unha declaración institucional contra a violencia machista con motivo do 25N


O Pleno da Corporación Municipal aprobou esta mañá unha declaración institucional na que todos os grupos municipais de forma conxunta condenan “todas as formas de violencia machista” e comprométense a traballar “na súa eliminación de todos os espazos do Concello” con medidas concretas e de xeito coordinado con outras institucións.

O Pleno municipal votou esta mañá de maneira unánime a aprobación dunha declaración institucional, co que se suma ás reivindicacións do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.

O texto acordado polos catro grupos recolle a preocupación da Corporación polo “recrudecemento dalgúns tipos de violencias contra as mulleres” e pola “expansión dunha vaga reaccionaria que nega a violencia machista” nestes últimos anos. Así, refírese aos datos do XV informe anual do Observatorio Estatal da violencia sobre as mulleres 2021, segundo os que “o 86,2% de delitos contra a liberdade e indeminidade sexual cometéronse contra mulleres” e “das 14608 vitimizacións de mulleres por este tipo de delitos, rexistráronse 287 de corrupción de menores ou persoas con discapacidade e 432 relacionados con contactos tecnolóxicos con menores de 16 anos”.

Fronte esta realidade, a declaración remarca a necesidade desde o Concello de “dotarnos de máis ferramentas para a prevención e actuación ” e concretamente “reforzar os servizos de atención e acompañamento ás mulleres, especialmente ás mulleres vítimas de violencias machistas”.

Con este fin, a Corporación comprométese a “traballar na súa eliminación de todos os espazos do concello” e expón algunhas medidas concretas como a formación do persoal para “incorporar a perspectiva de xénero e a protección das vítimas da violencia machista a todos os niveis de acción”; a mellora da coordinación, prevención e intervención fronte a violencia machista en colaboración con outras administracións, ou garantir que os espazos municipais sexan “espazos seguros para as mulleres”.

O manifesto tamén reitera “o compromiso do Concello de Santiago co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero” no seu papel como “primeiro punto de acceso, apoio e asesoramento para as mulleres vítimas de violencia machista e as súas familias” e insta á Xunta de Galicia a “aumentar as prazas nas casas de acollida e aumentar o número para que poidan utilizalas máis mulleres con casuísticas nas que converxen múltiples vulnerabilidades que aumentan o nivel de risco”.

Outros acordos
O Pleno municipal tamén deu luz verde ao expediente de crédito extraordinario 2023-CREXT-08, por importe de 142.152,61 euros para realizar diversas actuacións urxentes nos parques infantís municipais, para mellorar as deficiencias detectadas neles, consistentes en actuacións no pavimento e na moblaxe do parque das prazas de Vigo, Galicia, de Ramírez e outros, así como para a construción dun vestiario para brigada municipal de parques e xardíns no viveiro de Lamas de Abade.

A Corporación tamén aprobou hoxe, por unanimidade, unha proposición do PP para a adhesión do Concello de Santiago ao programa Xantar na Casa co fin de dotar de cobertura asistencial e aumentar os recursos sociais adicados a determinados colectivos, especialmente persoas maiores que viven soas.